DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas XI Xornadas de Comunicación entre Universidade de Vigo e centro de ensino

Orientadores galegos coñecen os cambios na universidade ao abeiro do EEES

Afondouse nas probas de acceso e na estrutura dos graos

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 11/03/2010
Docentes e orientadores dos centros de ensino secundario desenvolven un traballo fundamental na formación académica do alumnado. Pero sobre as súas costas recae tamén outra responsabilidade igual de importante que consiste en asesorar aos rapaces e rapazas na elección dos estudos universitarios que desexan cursar como primeiro paso para desempeñar despois a profesión dos seus sonos. Para axudalos nesta difícil tarefa desenvolvéronse ese xoves no campus as XI Xornadas de Comunicación entre a Universidade de Vigo e os centros de ensino non universitario nas que participaron un total de 90 educadores chegados dende todos os recunchos de Galicia. O acto de apertura do encontro correu a cargo de Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, que valorou o traballo desenvolvido por estes profesionais nun momento no que se están a producir moitos cambios na institución académica. “Vivimos momentos moi complicados que xeran moitas incertezas e incógnitas que dificultan o voso traballo e nestas xornadas tentaremos recoller as vosas inquedanzas, propostas e críticas sobre a temática”, sinalou.

Novidades nas probas de acceso á Universidade

As novidades nas probas de acceso á universidade para o curso 2010-2011 e os novos títulos universitarios ao abeiro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) foron dúas das temáticas tratadas no encontro da man de Isabel Diéguez, delegada do reitor da Universidade de Vigo na Confederación Interuniversitaria de Galicia e de Inmaculada Prieto, directora da Área de Adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.
Para falar das novidades nas probas de acceso á Universidade Isabel Diéguez utilizou o Real Decreto 1892/2008 de 14 de novembro, que regula as condicións para o acceso ao ensino universitario oficial de grao e os procedementos de admisión nas universidades públicas españolas. Entre elas está o paso dunha proba cun mínimo de sete exames obrigatorios a un modelo que consta dunha fase xeral obrigatoria, coa que se pode alcanzar ata un máximo de dez puntos e unha fase específica voluntaria que permite acadar catro puntos a maiores. A profesora Diéguez explicou polo miúdo cada unha destas fases e revelou algunhas recomendacións que os orientadores poden facer ao alumnado. Entre elas unha que ten que ver coa fase específica, na que o alumnado se pode examinar de tres materias como máximo e cunha nota que só vai ter validez durante os dous cursos académicos seguintes á superación das probas. “Os estudantes deberían escoller para a fase específica aquelas materias coas que poidan obter os mellores resultados para o acceso á titulación que desexen”, subliñou. Outras novidades apuntadas pola relatora son a posibilidade de que o alumnado teña varias notas de acceso “en función das distintas titulacións ás que queira acceder”, a desaparición da porcentaxe de prazas que se lles reservaba para o estudantado procedente de Formación Profesional e a reserva de entre o 1% e o 3% das prazas para os maiores de 45 anos.

A implantación do EEES na Universidade de Vigo

As 53 titulacións que oferta a Universidade de Vigo, así como a totalidade de mestrados e programas de doutoramento están adaptados ao EEES. Unha realidade que abordou Inmaculada Prieto nunha intervención na que subliñou tamén a importancia deste cambio tomando como punto de apoio o Real Decreto 1393/2007 polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais. “O EEES supón implantar unha estrutura única de títulos, unha mesma unidade de medida que é o crédito ECTS e unha forma única e homoxénea de expedir os títulos”, declarou. A directora da Área de Adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior faloulles aos participantes nas xornadas da maior flexibilidade existente na actualidade “á hora de deseñar e propor titulacións en cada unha das universidades”; da estrutura dos títulos de grao “con 240 créditos ECTS a repartir en catro anos de formación; das prácticas externas “recoñecidas no currículo académico do estudante e obrigatorias en algunhas titulacións"; do recoñecemento dos créditos e das guías de titulacións “un documento que facilita a planificación da ensinanza e que proporciona a estudantes e orientadores unha información moi necesaria de cara á selección das materias”. Inmaculada Prieto dedicou tamén un tempo da súa intervención a falar dos programas de posgrao e de doutoramento e indicoulles que na páxina web da Universidade de Vigo, na pestana de Estudos e Titulacións, poderán atopar toda a información relativa á oferta académica da institución.

Debate sobre os novos graos

As titulacións da Universidade de Vigo representan todas as ramas do coñecemento pero o peso máis importante recae nos ámbitos científico-tecnolóxico e xurídico-social. As xornadas remataron coa celebración de dúas mesas redondas nas que representantes de escolas e facultades destas áreas de coñecemento explicaron aos asistentes os novos graos existentes nos seus respectivos ámbitos.