DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución computará arredor do 176 millóns de euros segundo avanzou o reitor no Claustro

O orzamento da Universidade para 2010 reducirase nun 3,4% por causa do drástico recorte das achegas da Xunta

No derradeiro Claustro do ano goberno, oposición e sindicatos deixaron claras as súas diferenzas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/12/2009

Tras anos de crecemento contínuo o orzamento da Universidade de Vigo reducirase no ano 2010 nun 3,4% acadando os 176 millóns de euros. Así o confirmou o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, no derradeiro Claustro do ano no que ademais de bosquexar as liñas xerais do orzamento do vindeiro ano, expuxo o seu informe anual no que debullou os feitos máis sobranceiros dun ano que cualificou de “non moi favorable para o Sistema Universitario de Galicia” aínda que “non ten sido un mal ano para a Universidade de Vigo”, sinalou.
Fronte a unha exposición na que o reitor confirmou que ese curso se mantivo a estabilidade na matrícula con 22.500 alumnos con actas oficiais e no que afirmou que a Universidade de Vigo lograra artellar “unha das redes de I+D máis moderna e potente da Comunidade Autónoma Galega”, o candidato a reitor por Nova Universidade, Jaime Cabeza e os representantes dos traballadores, encabezados polo presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, centraron as súas críticas cara a unha xestión inzada, apuntaron, de conflitos innecesarios e fracasada en materia xerencial.

Redución orzamentaria e solvencia financeira

O recorte dun 6,4% operado pola Xunta de Galicia nas súas achegas, foi sinalado polo reitor da Universidade de Vigo como elemento determinante no “difícil escenario orzamentario” no que están elaboradas as previsión económicas da institución académica para o ano 2010. A redución dos recursos transferidos pola Xunta de Galicia a través do Fondo Incondicionado en case 10 millóns de euros, pasándose dos 87,5 millóns de 2009 aos 77,7 do 2010, traducirase no orzamento da Universidade de Vigo para o vindeiro ano nun descenso do 3.4%, de xeito que tras anos de crecemento a institución computará para o vindeiro exercicio arredor dos 176 millóns de euros. Cuns recursos procedentes ademais de do Fondo Incondicionado, dos ingresos por matrícula (14,9 millóns) e captación de recursos de libre concorrencia (19.2 milóns), o reitor sinalou que o vindeiro “non será un ano fácil, aínda que temos na man as garantías para enfrontar con certa tranquilidade o orzamento por que os programas de gasto serán máis axustados que nunca e porque a Universidade parte dunha situación de solvencia financeira”. Tras demandar a urxente aprobación dun novo Plan de Financiamento, o reitor sinalou como principais apostas orzamentarias para o 2010 os compromisos salariais de PDI e PAS por importe de 99,33 millóns de euros (o que supón un incremento de case un 5% respecto a 2009); o financiamento de infraestruturas científicas novas e en execución que acada os 5,6 millóns de euros; os programas de apoio á investigación por un importe superior ao 1,3 millóns de euros e o financiamento dos programas de bolsas para estudantes que supera os 2 millóns de euros, o que supón un incremento do 13.4%.

Fotografía en sepia dun ano que non foi malo para a Universidade

Xunto ás liñas xerais do orzamento 2010, o reitor expuxo no derradeiro Claustro do ano o seu informe anual no que debullou os feitos máis sobranceiros dun ano que cualificou de “non moi favorable para o Sistema Universitario de Galicia” por causa da conxelación real dos programas I+D, a perda de financiamento directo incondicionado, así como pola “perda de presenza e influencia, acosados pola inxerencias, demandas e calendarios dos poderes locais, económicos e institucionais dos nosos respectivos ámbitos de influencia”. Sen embargo, neste marco pouco optimista, ou “foto actual en color sepia” do Sistema Universitario Galego, o reitor afirmou que “2009 non ten sido un mal ano para a Universidade de Vigo”. Unha afirmación que Gago sustentou en primeiro lugar coa exposición dos datos de matrícula que sinalan que son 22.500 os estudantes con actas oficiais (o que non inclúe matriculados en mestrados non oficiais, cursos e outros títulos propios) que están matriculados no curso 2009-2010 na Universidade de Vigo, unha cifra que supón un lixeiro incremento respecto do curso anterior no que a cifra de matriculados foi de 22.300. Especial mención realizou o reitor ás cifras acadadas en posgrao (mestrados e doutoramento) e sobre as que expresou o seu desexo de “ser quen de manter e mesmo superalas porque é o sinal de calidade máis recoñecido a nivel internacional”.
Mentres, no capítulo referido á investigación Gago lembrou a selección de catro agrupamentos de investigación da Universidade de Vigo (Ciencias Mariñas, TIC, Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Biosanitario) na segunda convocatoria do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación da Comunidade Autónoma Galega e confirmou que a Universidade de Vigo completará neste mandato “unha das redes de I+D máis moderna e potente da Comunidade Autónoma Galega”. Así, ao CITI recentemente inaugurado no campus de Ourense, sumaranse o novo edificio de ampliación do CACTI, o Módulo Tecnolóxico Industrial, MTI, e o Centro de Investigación Biosanitaria, CIMBIO, en fase de concurso. Ademais Gago confirmou a inauguración o vindeiro mes de xaneiro do primeiro módulo de CITEXVI, Cidade Tecnolóxica de Vigo e a presentación no segundo trimestre de 2010 do proxecto de Campus Marino de Excelencia Internacional, CAIM, á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. Un proxecto que o reitor asegurou “debe ser de toda a Universidade, de todo o territorio e de todos os axentes".
Na súa intervención o reitor volveu reclamar a conexión directa do campus de Vigo coa AP9 e avanzou a posibilidade de presentar a comezo de 2010 o proxecto de reordenación e reforma urbana no ámbito das enxeñarías no que traballa o arquitecto Paulo Mendes Rocha. A finalización de obras no edificio de Ciencias da Educación, o inicio este mes das obras de gardería e a parálise do proxecto do Edificio das Artes, foron as referencias explícitas que Gago realizou ás infraestruturas do campus de Pontevedra, mentres que no caso de Ourense aludiu á posta en funcionamento do CITI e ás actuacións que para este campus implicará o Plan Integral de Reforma Urbana encargado ao arquitecto Pachi Mangado.

Informe do reitor ao claustro 2009 (68 KB)

Conflitos e fracaso xerencial

O candidato a reitor de Nova Universidade, Jaime Cabeza e o presidente da Xunta de Persoal, Xan Cebro, foron os protagonistas na quenda de réplicas á exposición do reitor e na que Cabeza denunciou os desequilibrios que na súa opinión sofre a institución, mentres que o presidente da Xunta de Persoal centrou a súa intervención no que definiu como “unha fracasada política xerencial”.
Jaime Cabeza cualificou o 2009 como “un ano de conflitos innecesarios” e denunciou a falta de ortodoxia, estratexia e planificación do equipo de goberno. Ademais de denunciar a falta de control sobre os posgraos que se precisan, os “fondísimos desequilibrios” entre grupos ou a política errática en temas de profesorado, Cabeza denunciou o escaso desenvolvemento das relacións institucionais e das políticas de benestar e igualdade. “Somos a universidade de Galicia con peores ratios de funcionarización e estabilización”, asegurou o candidato a reitor de Nova Universidade que demandou da xerente a negociación da retirada de calquera demanda que exista sobre a Oferta de Emprego Público. “Que non cheguemos a unha solución xudicial” demandou a Ana Fernández Pulpeiro á que lle dixo “vostede ten unha débeda coa comunidade universitaria”. Cabeza só abandonou o seu tono crítico para amosar a súa solidariedade co reitor en relación co que definiu como "o monstruo da negociación orzamentaria".
Precisamente as políticas de persoal centraron a intervención de Xoan Cebro, chegou a afirmar que o equipo xerencial foi o maior fracaso do mandato presidido por Alberto Gago. Ademais de afirmar que non existe unha descentralización seria e de criticar os problemas que a plataforma Xescampus están ocasionando, Cebro acusou ao reitor e a xerente de “crear inseguridade xurídica coa convocatoria da Oferta de Emprego Público” denunciada pola CIG ao tempo de alertou da posibilidade de que un xuíz confirme a súa invalidez porque non se axusta á legalidade.

Liñas mestras da política xerencial

Algunhas das acusacións vertidas polo presidente da Xunta de Persoal foron rebatidas por Ana Fernández Pulpeiro na súa intervención ante o Claustro na que deu conta da política xerencial. Tras sinalar as melloras acadadas en ámbitos como a xestión económica, académica e de investigación, a xerente da Universidade de Vigo avanzou a adopción doutras medidas orientadas á optimización deses ámbitos como a mellora do sistema de control de ingresos e gastos no caso da xestión económica; a continuidade na implantación de Xescampus en xestión académica ou a simplificación de procedementos administrativos no caso da xestión da investigación. Co repaso aos acordos acadados na negociación cos representantes dos traballadores e a enumeración dalgúns temas pendentes como a revisión e adaptación das RPTS ou o plan de formación 2010, a xerente finalizou a súa intervención demandando a colaboración de todos para levar a cabo o que definiu como “un ambicioso proxecto”, ao tempo que asegurou que cualificou de “irresponsabilidade” a actitude da CIG “creando sensación de inseguridade coa OEP”.
Precisamente en relación coa Oferta de Emprego Público o presidente da Xunta de Persoal acusou á Xerencia de agachar información vital que “logo”, afirmou Cebro, “demostrouse que foi para favorecer a un grupo concreto: afiliados e simpatizantes de CC.OO”. Ademais de denunciar o excesivo tamaño do equipo xerencial e acusalo de dividir e enfrontar, o presidente da Xunta de Persoal finalizou a súa intervención demandando que recapacite e así “non hipotecar esta Universidade”.
Pola súa banda en representación da CNT, Horacio Villar denunciou a extralimitación de funcións da Xerencia na apertura de tres expedientes disciplinarios ao tempo que asegurou que “a xestión nunca estivo máis deteriorada”.