DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As liñas xerais da política orzamentaria para o vindeiro ano presentáronse ante o Claustro

O orzamento da Universidade para 2012 redúcese en case un 3% achegándose aos 163 millóns de euros

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/12/2011

“Este momento é o máis difícil para xestionar unha administracións pública, pero hai que ter ánimo e esperanza de futuro”. En estes termos se dirixiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, aos asistentes ao Claustro no que hoxe se presentaron as liñas xerais dos orzamentos para o próximo ano que a semana que vén serán debatidos no Consello de Goberno e posteriormente aprobados polo Consello Social. Por terceiro ano consecutivo o orzamento da Universidade de Vigo redúcese en case un 3% respecto de 2011 para quedar fixado para o vindeiro ano 2012 en 162.969.745 euros. Este descenso de 4,9 millóns de euros está directamente relacionado coa conxelación rexistrada nas achegas da Xunta de Galicia que para este ano acadarían preto de 103 millóns de euros, unha cifra estimativa xa que polo momento non se coñece o reparto exacto, tanto conceptual como entre as universidades que conforman o Sistema Universitario Galego (SUG).

A aplicación do Plan de Financiamento Universitario 2011-2015 que contempla que o 5% do financiamento estrutural se reparta con criterios competitivos e a aprobación da Lei 2/2011 de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, son segundo o vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, dous fitos determinantes na planificación duns orzamentos “adaptados á situación económica actual”. Nun orzamento no que se rexistran lixeiros incrementos nos ingresos correspondentes ás taxas e prezos públicos (2,3%) e dos ingresos correntes (5,8%), o capítulo de persoal segue a ser principal fonte de gasto da institución académica viguesa, aínda que tamén experimenta un lixeiro descenso do 1,29% respecto do ano 2011, situándose en algo máis de 93,5 millóns de euros. A xubilación de persoal de substitución; a adopción de normas de contratación de persoal docente e interino máis estritas; o menor fluxo de entrada de investigadores captados a través dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, Ángeles Alvariño e Parga Pondal, e a reforma do plan de medidas facilitadoras da xubilación voluntaria do profesorado, están na orixe da redución rexistrada nos gastos do capítulo de persoal.

No que respecta aos gastos correntes experimentan no ano 2012 un incremento dun 2,46% situándose en algo máis de 25 millóns de euros, dos que algo máis de 2 corresponden á execución do proxecto Campus do Mar. Pola súa banda os investimentos reais sofren unha diminución de algo máis dun 12% superando os 33,5 millóns de euros, unha cifra similar á do exercicio anterior e que resulta posible polo mantemento dos compromisos nas infraestruturas en curso e tamén polas achegas asociadas ao investimento no Campus do Mar.
Un dato positivo no que incidiu o vicerreitor de Economía e Planificación foi o do saldo corrente que arroxa un resultado positivo de algo máis de 795.000 euros. “Para acadar un orzamento con saldo corrente positivo hai que seguir reducindo partidas de gastos o que implica seguir racionalizando o gasto corrente”, explicou García.

Medidas correctoras e liñas xerais de actuación

Entre as accións concretas encamiñadas a racionalizar o gasto o responsable de Economía e Planificación aludiu á aprobación a vindeira semana no Consello de Goberno dun modelo de contratos programa por obxectivos coas facultades e escolas “para consolidar unha cultura interna que premie a competitividade”, dixo.
Como medidas correctoras relativas á racionalización dos gastos de persoal o equipo de goberno deixou clara a súa intención no caso das prazas de novo ingreso do PDI de non renunciar aos compromisos adquiridos nos programas de estabilización de investigadores captados en programas estatais e autonómicos. Sobre a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo, RTP, de profesorado confírmase que a normativa de carga docente básica recentemente aprobada será a que determine o cadro docente estable da institución, mentres que no caso da RTP do persoal funcionario e laboral, o equipo de goberno aposta por que permita un axeitado redimensionamento do cadro de persoal.

Precisamente o emprego é unha das liñas básicas de actuación para o vindeiro ano na que o equipo de goberno aposta por manter os compromisos de consolidación e promoción do profesorado e contratación de persoal investigador e pola elaboración dunha normativa de recoñecemento do labor docente, investigador, de transferencia de coñecemento e xestión de persoal. A aposta pola internacionalización; a reestruturación da oferta de posgrao; a calidade docente e a formación de profesorado; a captación de estudantes e a transferencia de coñecemento son outras liñas de actuación de cara ao vindeiro ano. Mentres, en relación coas infraestruturas científicas apúntase o inicio da construción de CINBIO, o equipamento e posta en servizo da torre do CACTI e o equipamento e posta en uso do MTI.
No que respecta ás infraestruturas docentes e de servizos, para o vindeiro ano porase en servizo a escola infantil do campus de Ourense e finalizaranse as obras de ampliación do edificio Xurídico Empresarial de este campus, así como o inicio da construción do edificio de servizos centrais, aínda que estas obra dependerá da existencia de financiamento interno. Outro tanto sucede no caso do edificio das Artes do campus de Pontevedra, onde tamén está previsto o inicio das obras de ampliación da Facultade de Fisioterapia, así como obras de urbanización do campus. En Vigo está previsto o inicio das obras de construción da escola infantil e a realización dun proxecto de redimensionamento da mesma.

Ataque e defensa do Plan de Financiamento e das políticas de PAS e PDI

Tanto o vicerreitor de Economía e Planificación como o reitor defenderon nas súas intervencións o novo reparto do 5% do financiamento estrutural en función de resultados fronte ao criterio histórico vixente ata o de agora, asegurando que este novo modelo “é un éxito e unha oportunidade de mellorar”, aínda que tamén advertiu Xosé Manuel García que “podemos empeorar se os nosos resultados empeoran”. Os argumentos do equipo de goberno toparon co rexeitamento do voceiro de Nova Universidade, Jaime Cabeza, que asegurou que o Plan de Financiamento prodúcelle “inquedanza”, ao tempo que asegurou que a Universidade de Vigo perde con este novo plan e acusou ao reitor de ser “disciplinado coa Consellería de Educación para uns datos que non teño claro que beneficien á Universidade de Vigo”.
En relación coa política de persoal Cabeza demandou a negociación dun regulamento de profesorado de xeito coordinado coa negociación da RTP e cualificou de “agresivo e inxusto” o decreto da Consellería de Educación que regula os ensinanzas universitarias oficiais . O voceiro de Nova Universidade que acusou ao reitor de ter convertido ás vicerreitoras dos campus de Ourense de Pontevedra en “floreiros” ao asumir Mato as competencias de representación institucional, demandoulle que goberne “con seriedade e non mirando para os focos”. O reitor rexeitou as acusacións de Cabeza ao que lle recriminou as súas alusións ás vicerreitoras afirmando que “non lle admito que fale delas como floreiros”. Mato que defendeu o novo modelo de financiamento acusou ao voceiro de Nova Universidade de “especular e futurizar” e avogou por manter o equilibrio sen perder os dereitos.

Pola súa banda Xoán Cebro representante da CIG na Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos demandou melloras na captación de estudantes, un compromiso firme na promoción do PDI e unha negociación real da RPT, ao tempo que lamentou o despido dunha trintena de traballadores que levaban nalgúns casos ata oito anos traballando por riba da RPT. “Que a contención de gastos non sexa a costa de botar xente á rúa”, demandou Cebro a quen o vicerreitor de Economía e Planificación aclarou que “non temos intención de facer un ERE, pero unha RTP non se pode facer por contratacións históricas de RTPS anteriores”.

Un camiño que é de todos

Na derradeira sesión do Claustro do ano o reitor presentou un informe no que deu conta dos feitos máis relevantes do ano que está a piques de rematar, entre os que destacou os case 4 millóns de euros de financiamento acadados pola Universidade en proxectos internacionais no momento en que menos convocatorias e recursos hai, ou os 17 proxectos institucionais aprobados na UE o que supón unha taxa e éxito dun 40%, o dobre da media. A racionalización e adaptación da plantilla á situación económica, as novas medidas de xubilación anticipada ou os novos criterios para o cálculo da carga docente, foron outras das medidas destacadas polo reitor que viron a luz durante o ano 2011 no que tamén lembrou que por primeira vez na súa historia a Universidade de Vigo entrou no ranking de Shangai entre as 500 mellores universidades do mundo. “Un camiño que é de todos” asegurou o reitor que avogou por continuar nesta liña.