DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A rebaixa de seis millóns respecto a 2009 ten a súa orixe no recorte das achegas da Xunta

O orzamento da Universidade descende o vindeiro ano a 176 millóns de euros

A vicerreitora de Economía urxiu a aprobación dun novo Plan de Financiamento

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/12/2009

“Non vai ser un ano cómodo en termos económicos e financeiros, pero a prudencia coa que se realizan as estimacións permiten afrontar con garantías a execución do orzamento”. Nestes termos describe a vicerreitora de Economía da Universidade de Vigo, María Montero a situación na que a institución enfronta o exercicio económico do 2010 no que contará cun orzamento de 176 millóns de euros, o que supón unha redución de máis de seis millóns de euros respecto a 2009. Na sesión de Consello de Goberno celebrada hoxe na que se aprobaron os orzamentos da institución para o vindeiro ano con 21 votos a favor, 5 en contra e 3 abstencións, a vicerreitora de Economía advertiu que despois do drástico recorte dos recursos achegados pola Xunta “a Universidade non resistiría un exercicio máis nestas mesmas condicións de financiamento”, polo que “urxe aprobar un novo Plan de Financiamento en 2010 que garanta a viabilidade dos orzamentos para os vindeiros exercicios “.
A derradeira sesión de Consello de Goberno do ano celebrada este luns aprobou ademais un total de 10 graos e 12 mestrados que se impartirán no curso 2010-2011, así como o nomeamento de Luis Espada como profesor emérito e un acordo de desenvolvemento das festas dos patróns dos centros.

Solvencia financeira para enfrontar un ano complicado

O drástico recorte dos recursos achegados pola Xunta de Galicia a través do Plan de Financiamento e máis concretamente os referidos ao Fondo Incondicional que engloba máis do 80% dos fondos que integran o Plan de Financiamento, resulta determinante no recorte sufrido no financiamento da Universidade que perde por este concepto 10 millóns de euros. “Como consecuencia” explicou María Montero “ este fondo dotado co obxectivo de financiar o gasto corrente das universidades, fundamentalmente o custo do cadro de persoal, está moi lonxe de cumprir o seu obxectivo de cubrir os custos correntes, xa que o seu reparto entre as tres universidades, nin sequera vai permitir cubrir os gastos de persoal”.
En termos globais as achegas realizadas pola Xunta sitúanse en 104,4 millóns de euros, un 59,1% do total de ingresos percibidos, o que representa un descenso dun 6% respecto ao exercicio 2009. Polo que respecta ao resto de recursos cos que conta a facenda da Universidade de Vigo, os recursos propios por ingresos de matrícula estímanse en case 15 millóns de euros, mentres que os correspondentes a financiamento externo acadado en competencia no mercado de I+D+I a estimación sitúase en 19,2 millóns de euros.
Tras advertir que 2010 non vai ser “un ano cómodo en termos económicos e financeiros”, a vicerreitora de Economía asegurou que “a situación de solvencia financeira da que parte a Universidade de Vigo permite a elaboración duns orzamentos equilibrados grazas aos reaxustes de orzamento realizados, sobre todo en 2009, en previsión das dificultades en 2010”. Sen embargo Montero urxiu á aprobación dun novo Plan de Financiamento que garanta a viabilidade dos orzamentos para vindeiros exercicios e “espante a pantasma do pasado que impedía as universidades realizar planificación orzamentaria debido á insuficiencia financeira na que estaban instaladas e a cal nos podemos ver abocados de continuar esta indefinición sobre o modelo de financiamento das universidades galegas”.

Principais reducións e liñas de actuación

A rebaixa de 6 millóns de euros no orzamento da Universidade de Vigo para o exercicio 2010, respecto a 2009, e o incremento en algo máis de 4 millóns de euros que se rexistra en Gastos de persoal, implica un descenso do importe en todos os capítulos de gasto agás o citado capítulo de persoal. Así, as rebaixas máis salientables nos orzamentos de 2010 rexístranse no Capítulo VI (Investimentos reais) que no seu conxunto descende 9.7 millóns de euros, un 20%, destacando a partida destinada a obras que experimenta un descenso de 7,7 millóns de euros, un 43% . Pola súa banda no Capítulo II (Gastos correntes) tamén hai rebaixas significativas como as partidas de comunicacións (-26%), publicidade (-24%), protocolo (-20%) e material de oficina (-12%), acadando en total este capítulo unha rebaixa dun millón de euros.
En canto ás apostas orzamentarias da Universidade de Vigo para 2010 os compromisos salariais de PDI e PAS continúan sendo a principal liña de actuación cun esforzo orzamentario de 99.3 millóns de euros que representan un 56,4% do volume de recursos da institución. Cómpre destacar que o Capítulo I de Gastos de persoal rexistra un incremento de algo máis de 4 millóns de euros (case un 5%), determinado principalmente pola suba lineal prevista na Lei de Orzamentos do Estado para 2010, así como pola consolidación da mellora das pagas extraordinarias e o cumprimento de diferentes compromisos de estabilización, programas especiais e compromisos establecidos nos programas de promoción do PAS.
Pola súa banda o orzamento previsto para obra e equipamento científico acada os 5,5 millóns de euros que permitirán financiar entre outros proxectos a construción do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO); o inicio da construción do Centro de Investigacións en Tecnoloxías e Procesos Industriais (CINTEC); o remate de obra e instalacións especiais do Módulo Tecnolóxico Industrial; o novo CACTI e o pavillón de embarcacións de ECIMAT. No orzamento de 2010 dánselle continuidade ademais aos distintos programas de investigación, dotación de recursos para os grupos de investigación e recursos para outras liñas de apoio á investigación, acadando en total esta liña de actuación unha cifra en torno aos 3.5 millóns de euros. Xa que as posibilidades de obra nova van ser menores, no orzamento destinado a infraestruturas docentes e de servizos dótanse dun xeito suficiente as partidas destinadas a reformas e mantemento, ao tempo que se dá cumprimento aos compromisos referidos ás escolas infantís nos tres campus, dotadas con millón e medio de euros no caso do campus de Vigo e 460.000 euros no de Pontevedra e 435 no de Ourense. O importe total destinado ás infraestruturas docentes e administrativas ascende a 4,5 millóns de euros.
Mención especial require tamén o incremento nun 18% respecto de 2009 rexistrado na cantidade global de fondos destinada a bolsas de estudantes que ascende en 2010 a 2,2 millóns de euros. Xa por último sinalar os 2.2 millóns de euros de orzamento global para os tres campus destinados a actividades culturais e deportivas.

Críticas da oposición e da Xunta de Persoal

Desde as filas de Nova Universidade Manuel Ramos cualificou os orzamentos como “continuistas” e aínda que recoñeceu a dificultade do marco no que foron elaborados, o membro de Nova Universidade aludiu a cuestións coas que o grupo da oposición non está de acordo como os investimentos destinados ao plan de desgravación docente, o descenso dos fondos bibliográficos ou a externalización do Centro de Linguas á Fundación Universidade de Vigo. Entre as actuacións coas que Nova Universidade manifestou estar de acordo, Ramos aludiu aos investimentos destinados ao Plan de Igualdade ou ás escolas infantís.
Pola súa banda o presidente da Xunta de Persoal centrou as súas críticas por unha banda na falta de concreción á hora de desglosar os capítulos referidos ao PAS e ao PDI funcionario, así como no incremento rexistrado nas percepcións económicas do equipo de Xerencia, aínda que el mesmo apuntou á creación dunha vicexerencia de Investigación como causante deste incremento.

Criterios xerais para as festas patronais dos centros e novos graos e mestrados

Aínda que foi a aprobación dos orzamentos o punto da orde do día que centrou o Consello de Goberno celebrada hoxe, na sesión tamén se aprobou o acordo acadado entre as delegacións de alumnos e a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes para o desenvolvemento das festas patronais dos centros. O acordo que só contou cunha abstención, contempla que as festas serán promovidas polas delegacións de estudantes, en colaboración cos respectivos decanatos ou direccións dos centros e a vicerreitoría que teña a competencia de estudantes. As festas que non terán carácter lucrativo e nas que se intentará recuperar o espírito científico, non se desenvolverán na praza Miralles, senón no lugar do centro máis axeitado segundo os organizadores e o equipo directivo.
Ademais o Consello de Goberno aprobou dez novos graos e doce mestrados que se impartirán a partir do vindeiro curso. Son os graos de Comercio; Ciencias Ambientais; Enxeñaría en Química Industrial; Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática; Enxeñaría Eléctrica; Enxeñaría Mecánica; Enxeñaría en Organización Industrial; Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Obras Subterraneas e Enxeñaría da Enerxía. Pola súa banda o grao en Infonomía que tamén recibiu o visto e prace do Consello recupera a denominación inicial de Grao en Consultoría e Xestión da Información.
No caso do mestrado aprobáronse un total de 12, sete de carácter profesionalizante, un froito da transformación dun título propio, dous de transformación de bienios de doutoramento e cinco de carácter investigador. Trátase dos mestrados en Dirección de Arte en Publicidade; Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais; Necesidades Específicas de Apoio Educativo; Arte Contemporanea, Creación e Investigación; Interpretación de Conferencias; Tradución Multimedia; Oceanografía; Ciencia e Tecnoloxía de Conservación de Produtos da Pesca; Biodiversidade e Ecosistemas; Biotecnoloxía Avanzada; Integración Económica Rexional e Políticas Comunitaria e Máster universitario en Administración e Dirección de Empresas.
O nomeamento como profesor emérito de Luis Espada Recarey e a aprobación das normas básicas de POD para o vindeiro curso foron outras cuestións abordadas no Consello de Goberno.