DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ednon TRC xoga o seu último encontro en Vigo e no xadrez loitarán por seguir primeiros

Os "10 km Cidade Universitaria" e os encontros dos equipos de rugby, xadrez e baloncesto, enchen de actividade o campus na fin de semana

538 atletas, 480 homes e 58 mulleres, participarán na 3ª edición da carreira

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 20/03/2009

Será o domingo, ás 12.00 horas no aparcadoiro situado entre o Edificio de Servizo de Deportes e a piscina, cando tomen a saída aos 538 participantes nos 10 km Cidade Universitaria, cun circuíto, desta volta, mellorado con respecto ao ano pasado que consta de tres voltas que transcorren entre os viais interiores do campus e o acceso á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Do total de participantes nesta terceira edición, 480 son homes e 58 mulleres; 123 dos 538 inscritos pertencen á comunidade universitaria e 35 son federados. Entre os participantes destaca a presenza de Elías Domínguez, gañador o pasado ano que intentará superar a excelente marca acada de 0:30:45, e do veterano atleta marinense Manuel Rosalés Touza.
A organización ofrecerá aos participantes unha serie de servizos médicos, vestiarios e de restauración, mentres que os espectadores acompañantes disporán de actividades de lecer para os máis cativos.

O Ednon TRC xoga o seu último encontro como local

Á vez que os máis de 500 atletas compiten por acadar o mellor posto, o equipo de rugby da Universidade enfróntase, tamén no campus, ao BUC Barcelona. O encontro, correspondente á penúltima xornada da Liga de División de Honra B, dará comezo ás 11.00 horas e será o derradeiro no que xoguen na casa, pois o domingo 29 os vigueses pecharán a competición en terras vascas ante o líder da táboa, o Gernika. Os cataláns, que contan con varios xogadores de gran nivel, como o ex-internacional español Andrei Kovalenko, chegan á cidade olívica ocupando o cuarto na clasificación, con 30 puntos, por detrás do Ednon TRC, terceiro con 41, pero sen posibilidades de superalo na táboa.
Pola súa banda, o sábado é a quenda dos equipos xuvenil e infantil. Os primeiros xogarán contra o Lalín a partir das 17.00 horas e os máis cativos a súa andaina coa segunda concentración da Liga Galega, ás 10.15 horas mediranse ante o Mareantes RCP, ás 12.00 horas cos Ingleses RC e ás 12.45 horas fronte ao combinado do CR Ferrol e o CRAT de A Coruña.

O Universidade de Vigo de xadrez loita por manter o liderado

A falla de dúas roldas para o remate da Liga Galega de División de Honra de Xadrez, o Universidade de Vigo mantén o primeiro posto da xeral cunha vantaxe de dous puntos sobre o Marcote e o Alexandre Bóveda. Na súa loita por acadar o título, os vigueses poderían sentenciar a competición no enfrontamento ante o Círculo Ferrolá. Para esta ocasión o Universidade repetirá como equipo local nun encontro no que se agarda que o capitán coloque o seu sexteto titular na procura dunha ampla vitoria que lle permita chegar á última rolda con vantaxe suficiente sobre os seus perseguidores. A cita será o sábado, a partir das 17.00 horas na sala de xadrez do Servizo de Deportes, do mesmo xeito que poderá ser seguido, en directo, a través da web http://webs.uvigo.es/xadrez.

O equipo de baloncesto recibe ao CB Arteixo

O Universidade de Vigo de baloncesto caeu derrotado nas últimas horas diante do Narón por 71-74, no encontro correspondente á décimo sétima xornada da Liga Sénior Masculina que fora aprazado a comezos do mes de febreiro por mor das malas condicións meteorolóxicas. Tras este resultado os vigueses afastáronse un pouco máis da cabeza da táboa, liderada polo CB Mos Noribérica, descendendo ata o sexto posto. Non obstante, tan só 6 puntos os separan do líder. O domingo, a partir das 18.00 horas, os xogadores que adestra Cristina Alonso terán a primeira oportunidade de acurtar distancias no partido ante o CB Arteixo.