DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os 40 matriculados en Pontevedra no mestrado de profesorado cursarán as especialidades artísticas e deportivas

A presentación do programa docente desenvolveuse hoxe na Facultade de CC da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 13/01/2010

Trala quenda de Vigo e Ourense, o Mestrado para o Profesorado deu comezo hoxe no campus de Pontevedra, coa presentación do programa docente para o alumnado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Nela a coordinadora do curso, Antonia Blanco, destacou que se optou por repartir as especialidades en función das titulacións de cada campus, “considerando cales son os que teñen os mellores recursos tanto humanos como materiais para atender as necesidades de formación específicas”. Así, en Pontevedra impartiranse o itinerario de Educación Física da especialidade de Ciencias Experimentais e a especialidade de Arte, que inclúe os itinerarios de Debuxo e Música. Por cada unha destas dúas especialidades ofertáronse 20 prazas, que se cubriron por completo, amosando a forte demanda existente no campus.

Novos contidos referentes á investigación e á innovación na práctica docente

O novo Mestrado de profesorado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas, ademais dunha duración maior, amplía os contidos con respecto ao antigo Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP). Así o indicou Antonia Blanco, que subliñou como principal diferenza “a profundidade dos contidos do módulo específico, que agora inclúen aspectos referentes á investigación e á innovación na práctica docente que antes non se traballaban”.
No módulo de formación específico impartido no campus de Pontevedra abordaranse ademais as didácticas propias das artes plásticas e a educación física, que inclúen metodoloxías de ensino e aprendizaxe, técnicas de avaliación e creación de obxectivos ou complementos de formación propios destas áreas. Debido a estas características, cada especialidade impartirase na facultade correspondente, é dicir, Ciendas da Educación e do Deporte e Belas Artes.
A coordinadora do mestrado destacou como outros dos piares do cambio “a intensificación do practicum cunha experiencia pre-profesional máis ampla”. O alumnado deberá afrontar como fase final do curso un módulo que inclúe un proxecto de fin de mestrado e un período práctico nun centro docente. O traballo final consinte no deseño dun plan docente na súa fase teórica, que posteriormente se aplicará nas aulas. Para a súa elaboración o estudantado contará cunha supervisión simultánea por parte do titor dentro da Universidade e do titor do centro asignado para elaborar as prácticas. A experiencia no propio centro educativo durará sete semanas.
Antonia Blanco recalcou que deste xeito o mestrado se axusta “a todos os parámetros normativos e metodolóxicos do EEES e aos niveis de calidade certificados pola ANECA e a ACSUG”. Coa obtención dos 60 créditos ECTS nos que está estruturado o alumnado obterá un título homologado para a Unión Europea, o que tamén lle reporta unha serie de esixencias como a acreditación do nivel B1 nunha lingua estranxeira.

Avaliación continua dos tres módulos

Ademais dos módulos de formación específico e práctico, o alumnado debera superar un estudos xenéricos, comúns a todas a todas as especialidades e a todos os campus. Inclúen contidos psicopedagóxicos e psicosociais estruturados en torno a catro materias: orientación e función curricular, deseño curricular e organización de centros, desenvolvemento psicolóxico e de aprendizaxe no ensino secundario e sistema educativo e educación en valores. Este módulo viuse afectado pola tardanza da sinatura do convenio coa Consellaría de Educación, polo que nesta primeira edición do mestrado terá unha duración máis breve, será semipresencial e o temario poderá consultarse on-line. O modo de avaliación de todo o curso será continuo, aínda que se fixarán de todos os xeitos unhas datas oficiais de exames en xuño e en xullo.