DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bota a andar o II Congreso Internacional de Fútbol, organizado por GTSport co apoio do grupo HI20

Os adestradores seguen o fútbol a cámara lenta

O ata agora adestrador do Rayo Vallecano afondou no emprego de medios audiovisuais neste deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 30/05/2012

Grávanse as xogadas do propio equipo e do rival “para que o futbolista te crea e confíe no proxecto”. Os medios audiovisuais cobran protagonismo na planificación técnica e táctica do deporte rei, polo menos nas filas do Rayo Vallecano, tal como expresou este mércores o seu adestrador ata o de agora, José Ramón Sandoval, no marco do II Congreso Internacional de Fútbol organizado pola empresa GTSport co apoio e asesoramento do grupo de investigación HI20 da Universidade de Vigo. “A visualización de vídeos ao longo da planificación semanal permítenos trasladarlle ao xogador unha idea do que se vai atopar no campo para que unha vez en acción, teña a información suficiente para tomar a decisión correcta sobre o contrario”, explicou Sandoval.

Este adestrador referente da liga de fútbol española, que logrou posicionar ao equipo de Vallecas na división de honra tras facerse cargo del en terceira división, sinalou que dende un principio decidiu contar cunha persoa que se dedicase “a gravar os partidos dos rivais e todos os nosos, incluídos adestramentos, proporcionando información a tempo real”. Segundo a visión de Sandoval, xa que o técnico delega responsabilidades en outros profesionais, “debe ser o mellor preparado do que realmente pasa no campo, parándose a analizar todo o que os seus xogadores poidan atoparse nun partido”. Para iso, hai que “ter moi definidas” as vantaxes e desvantaxes do rival e as do propio equipo tanto individual como colectivamente.

Cada futbolista coa súa memoria USB

José Ramón Sandoval compartiu cos preto de 200 asistentes o seu plan de traballo semanal no Rayo Vallecano, “considerando cada partido como un estudo novo”. Cada luns, un informe de 140 páxinas sobre o vindeiro rival feito polo equipo de scouting espera a Sandoval, debéndoo estudar no menor tempo posible “para ir debullándolle toda esa información ao futbolista ao longo da semana de adestramento”. Ademais de facer unha visualización colectiva dos erros e acertos do partido anterior todos os martes, o equipo técnico do Vallecano entrega a cada futbolista unha memoria USB con información sobre as súas estatísticas, conceptos do adestramento semanal e informes e vídeos dos xogadores rivais. “Na sesión de relaxación e masaxes temos colocado un plasma cunha proxección en bucle de xogadas do vindeiro equipo ao que nos imos enfrontar para que o futbolista vaia facéndose unha visión xeral da situación”, exemplificou Sandoval.

Aínda que o futuro do adestrador aínda é unha incógnita tras a súa inminente saída do Rayo Vallecano, si que goza dunha excelente carta de presentación por ser quen de “guiar” ao equipo madrileño dende a terceira división ata a máxima categoría. “A fórmula deste éxito foi mercar unha idea en soños e perseguila. Eu crin e confiei dende un principio que o Rayo ía chegar e permanecer en primeira división e así foi, a pesar de todos os problemas económicos vividos”, concluíu. Este mércores Sandoval compartiu cartel co seu homólogo do Levante FC, Juan Ignacio Martínez, que foi quen de “facer historia conseguindo un posto na Europa League”. Os directores deportivos do Valencia FC e do Sevilla FC tamén formaron parte do ciclo de relatorios deste mércores, “figuras relevantes da xestión de dous equipos que están tentando competir cos grandes con menos recursos”. Fabio Paratici, da Juventus; Jorge Jesús, técnico do Benfica ou Carlos Carvalhal, adestrador do Besiktas, son outros dos nomes que pasarán por Pontevedra ao longo destes días.

A “materia gris” da man da Universidade

Este congreso internacional de fútbol conta co apoio do grupo de investigación HI20 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte encabezado polo profesor Luis Casáis, encargado do deseño das liñas de acción do encontro. “Dalgunha forma o noso grupo pon a materia gris que complementa á rede de contactos da empresa GTSport”, apuntou Casáis, quen sinalou a necesidade de fortalecer a identidade de Pontevedra como núcleo de relevancia do deporte “e máis en concreto do fútbol, unha das fortalezas da nosa titulación e da nosa facultade”. O grupo tamén intervirá no congreso coa presentación dun proxecto de innovación que os investigadores están desenvolvendo, baseado no deseño dun software que analice o rendemento deportivo a tempo real en soportes interactivos “que poidan ser portados a un campo e acheguen información ao adestrador do que está sucedendo en todo momento”, describiu o docente.