DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os alumnos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte retroceden no tempo para recuperar os xogos tradicionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 03/12/2008

Foi unha mañá distinta na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Coma se se tratase dunha auténtica máquina do tempo, os alumnos da facultade recuperaron xogos tradicionais como a mariola, a goma, a rá ou as chapas e animaron a toda a comunidade universitaria a unirse a eles na III Xornada de Tradición e Xogo.
A proposta partiu dos alumnos de 4º da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte da materia Deporte para todos que imparte a profesora Ana Rey Cao e pretendía dinamizar a vida de toda a comunidade universitaria e incluso abrirse á participación dos alumnos dos institutos próximos ao campus, como ocorreu o ano pasado. Deste xeito os ratos libres convertéronse en momentos activos e culturais.

Merenda tradicional para rematar o día

O esforzo por gañar nestes xogos esquecidos ten a súa recompensa. Cada participante tiña un boleto no que se lle ían marcando as actividades nas que interviña e, no caso de que completar sete ou máis, recibía como agasallo unha bebida. Un detalle que fixo máis curta a espera ata os descansos de mediodía, cun aperitivo, e o da tarde, previsto para as 20.00 horas e no que haberá bica e outros doces tradicionais ademais de queimada.