DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo de charlas comeza o venres día 7

Os alumnos de Ciencias da Educación e do Deporte aclararán as dúbidas sobre o EEES nunhas xornadas informativas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 03/11/2008

Facilitar a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e resolver as dúbidas que os estudantes teñan ao respecto é o obxectivo das I Xornadas Informativas sobre a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) que organiza a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. As charlas, que se celebrarán todos os venres desde o próximo día 7 de novembro e ata o 5 de decembro, terán lugar no salón de actos da Escola Universitaria de Fisioterapia en horario de 17.00 a 18.30 horas.
As dúas primeiras xuntazas achegarán información sobre a adaptación ao grao da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Para iso, o decano, José María Cancela e o vicedecano, Óscar García, realizarán unha exposición informativa sobre o estado do proceso e os contidos do novo grao. Unha semana despois será o momento de atender as dúbidas que xurdisen desa primeira charla e por iso haberá un representante por cada curso que recollerá as inquedanzas dos alumnos e logo as trasladará aos expertos. Con esta técnica, os coordinadores das xornadas esperan “estimular a participación” na actividade.
No ecuador das xornadas, o 21 de novembro, terá lugar unha xuntanza para os estudantes de todas as titulacións da facultade na que se presentarán dúas novas perspectivas sobre a implantación do grao da man dos representantes da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea. Nos dous últimos venres as charlas estarán dedicadas ás particularidades do graos de Educación Infantil e Primaria. Así, o decano da facultade, o vicedecano, Leonardo Fuentes e mailo secretario, José Lillo, serán os encargados da presentación do novo modelo o 28 de novembro. Na última cita do ciclo de charlas, o 5 de decembro, os membros da comisión de elaboración do grao atenderán as cuestións recollidas polos representantes de cada curso ao longo da semana transcurrida.

Implantación do grao no curso 2009-2010

Estas xornadas están incluídas no marco dunha iniciativa máis ampla que pretende dar a coñecer o proxecto que a facultade elaborou ao longo do curso pasado para facilitar a adaptación das súas titulacións ao EEES. A proposta xa foi aprobada pola Xunta de Titulacións e neste momento está en fase de estudo pola Vicerreitoría de Titulacións e Converxencia Europea. Paralelamente, a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (Aneca) está a estudar o modelo.
A implantación do novo grao será progresiva. José María Cancela confía en que o ano que vén "comece o primeiro curso" e, pendente da súa aprobación definitiva, sinala que agora o importante é “informar os estudantes para que coñezan como lles vai afectar e coñezan a nova metodoloxía”. Especialmente interesado nos tempos de implantación está o alumnado que actualmente cursa a Diplomatura en Educación Física ou a de Educación Musical porque “en catro anos desaparecen” e deberán completar os seus estudos antes desa data.