DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os alumnos do colexio Curros Enríquez convertéronse no campus en científicos por un día

A xornada tiña como obxectivo dar a coñecer os microorganismos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 21/11/2008
Os alumnos de 5º e 6º de primaria do colexio Curros Enríquez abandonaron hoxe a súa rutina para pasar unha mañá científica no laboratorio de Microbioloxía do campus descubrindo aos microorganismos. Os nenos, de 10 e 11 anos, participaron nesta actividade, organizada pola Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo, ledos de sair das aulas para coñecer de cerca e poder ter nas súas mans microorganismos que “están no aire do seu colexio, no seu corpo e que os rodean a diario”, explicou Julia Carballo, coordinadora da actividade xunto con María José Pérez.
Previamenta a visita dos rapaces ao campus, as profesoras Carballo e Pérez, acudiron ao colexio dos nenos para coller mostras in situ dos microorganismos e poder facer os cultivos cos que hoxe traballaron. A xornada, que se desenvolveu tranquila “a pesar de que son moitos nun espazo pequeno”, dixo Carballo, tiña como obxectivo “divulgar a importancia que teñen os microorganismos na nosa vida cotiá”, engadiu a profesora. Os nenos comezan a estudar de xeito básico a estes seres nas súas clases de Coñecemento do medio, sen embargo “imaxínanos como unhas entelequias rarísimas”, explicou Carballo. “Nós prentendemos demostrarlles que viven con nós, que os temos no noso corpo, que están no patio do seu colexio, no aire da súa aula”, concluíu Carballo.
Os rapaces amosáronse satisfeitos coas explicacións das profesoras semellando verdadeiros profesionais na materia. “O que máis me chamou a atención foron as células”, declarou Uxía Fernández, unha das cativas.
Tras a visita ao laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Ciencias e despois dun pequeno descanso para o almorzo, os rapaces trasladáronse a unha aula na que Pérez, dun xeito máis teórico e a través dunha presentación con imaxes, lles explicou máis sobre os microorganismos.