DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con motivo da súa visita ao Parlamento Europeo

Os alumnos de Dereito coñeceron sobre o terreo os obxectivos e ámbitos de traballo dos membros das distintas comisións da Unión Europea

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 03/12/2007

25 alumnos da Facultade de Dereito realizaron durante a pasada semana unha visita ao Parlamento Europeo en Bruxelas, invitados pola Delegación Española do Grupo Socialista a petición do eurodeputado galego Antolín Sánchez Presedo.Os estudantes estiveron acompañados pola súa decana, Inés Iglesias, o vicedecano de Docencia, Asuntos Económicos e Relacións Institucionais, Roberto Bustillo e o vicedecano de Estudantes e Actividades Culturais, Iago Fariñas.
Durante os tres días que durou a viaxe, os alumnos tiveron a oportunidade de ver dende dentro o funcionamento das institucións europeas e coñecer a algunhas das persoas que as integran e nos representan nelas así como de achegarse á realidade política do continente.
O obxectivo destas actividades extra académicas é darlles aos estudantes unha formación o máis completa posible, que amplíe os seus coñecementos e que os prepare para o futuro laboral con todas as garantías. En concreto, a iniciativa da visita ao parlamento enmárcase dentro do estudo de temas europeos que comezou coas Xornadas Xurídico Sociais: a Unión Europea, retos e perspectivas nas construción de Europa, nas que participaran o ano pasado Antolín Sánchez e Rosa Miguélez.
O grao de satisfacción coa viaxe foi moi grande. Iago Fariñas comentou que “a experiencia foi moi boa, a ver se nos invitan de novo e podemos repetila”.

O programa

No apertado programa “non houbo tempo para o turismo” comentou o vidececano, pois cada minuto foi aproveitado para entrevistarse con membros de distintas comisións europeas, que explicaron aos alumnos os seus obxectivos e ámbitos de traballo.
No primeiro día, foron recibidos polos eurodeputados galegos Antolín Sánchez e Rosa Miguélez. Trala benvida, Manuel Medina, membro da Comisión de Asuntos Xurídicos, expuxo aos asistentes aspectos como a resolución de sentenzas estranxeiras, a posibilidade dun dereito penal conxunto e o papel da Unión Europea como espazo común para o exercicio dos dereitos e das liberdades. O tema do Espazo Europeo de Educación Superior foi abordado por María Badía, membro da Comisión de Cultura e Educación, que analizou cara onde camiña o ensino e o papel que terá a mocidade no futuro comunitario.
Carlos Carnero, da Comisión de Comercio Internacional foi o encargado de achegar aos alumnos á Carta de Dereitos Fundamentais dos cidadáns europeos, o papel do Defensor do Pobo e as posibles ampliacións da UE. Incluso as comidas e ceas foron aproveitadas para reunirse con Javier Moreno, secretario xeral da Delegación Socialista e Joan Calabuig, da Comisión de Presupostos que abarcou a dimensión comercial, económica e financeira da Unión. Ademais, os estudantes mantiveron unha entrevista co vicepresidente do Parlamento, Miguel Ángel Martínez.
No segundo día, Iratxe García, da Comisión de Desenvolvemento Rexional tratou o tema da cohesión territorial na Unión. Maruja Sornosa, da Comisión de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou as directrices ambientais e de urbanismo e Rosa Miguelez, vicepresidenta da Comisión de Pesca analizou os fondos de cohesión para o sector e a súa repercusión en Galicia. Por último, os alumnos puideron asistir a unha sesión parlamentaria dende a tribuna de invitados.