DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha mesa redonda programada en PontevedraDebut

Os alumnos de Esdemga coñecen os retos do sector téxtil español

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 28/11/2008

Poida que a crise económica non sexa o mellor momento para comezar unha carreira profesional. Ou poida que si, cun bo produto, cantidades inxentes de creatividade, moito traballo e un chisco de sorte. Hai moitas variables a ter en conta no deseño dese plan e os alumnos de Esdemga recibiron este venres algún consellos de profesionais vencellados coa comunicación de moda. Diego Íñiguez, director de Imaxe de El Caballo; Jaime Pla, director de Nodo Moda; Daniel Cantó, redactor xefe de Neo Moda Barcelona; e Andrés Aberasturi, comisario de El Ego de Pasarela Cibeles e director de Pelonio, afondaron nos retos que o sector téxtil lles plantexa aos novos deseñadores.
O paradigma de montar unha marca propia acabados de saír da escola foi unha das primeiras ideas que se viu abaixo segundo as aportacións dos poñentes. Todos coincidiron en sinalar que cómpre coñecer antes todos os segredos do sector e amosaron a integración no departamento de deseño dunha empresa como unha “saída con moito máis sentido cando aínda non se ten experiencia”, apuntou Iñíguez. O reto é atopar un nicho nun mercado moi globalizado, algo aínda máis complicado polo feito de “a maioría de tendas españolas están seleccionando marcas estranxeiras e as españolas están pasando por un mal momento porque non souberon crear uns niveis de marca atractivos para o público”, apuntou Pla.
Outro dos aspectos que convén mimar é o da prensa. Daniel Cantó asegurou que “o xornalismo está vivindo un momento de rexuvenecemento das voces que falan na moda”, que coas novas tecnoloxías como ferramenta “existen blogs con máis peso que as publicacións tradicionais”. De feito, a imaxe de luxo que as publicacións canónicas crearon como necesidade para vender desfaise coa crise e sitúaas fronte a un dilema editorial “o de decidir se son publicacións de entretemento ou de moda”. Cantó tamén apuntou á “reasimilación que a xente da rúa fai da moda” como un aspecto que cada vez inflúe máis nas marcas.

Máis aló do deseño

Para os alumnos de Esdemga agora é o momento de tomar contacto co mundo profesional e dar os primeiros pasos da súa carreira. Un dos aspectos máis importantes á hora de buscar unha saída é ter en conta, como indicaba Jaime Pla, que “máis aló do deseño, a moda é un negocio, unha arte comercial” cun mercado practicamente saturado. Nese contexto, as frontes que atender son moitas: “os problemas para atopar os tecidos ou decidir como se vai realizar a fabricación do produto”. Pla deu tamén unha pista do funcionamento actual das grandes marcas que “non teñen o seu gran negocio na roupa senón nos accesorios, zapatos ou perfumes”.

Ego, unha arma de dobre fío

Nunha mesa redonda dedicada á comunicación de moda e difícil decidir se a posición de Ego de Cibeles é de partida ou de chegada. Na mente dos alumnos do Debut’08 está a referencia de Alba Blanco, quen presentou o seu proxecto en Ego logo de rematar os seus estudos en Esdemga. O comisario do desfile quixo deixar ben claro que “o desfile convirte nada nunca marca, pero nada máis aló diso”. Incluso afirmou ter coñecido casos de deseñadores aos que “o éxito os confundiu”. Aberasturi presentou a fiestra de Ego como a posibilidade de “establecer contactos con prensa e tendas” e achegou as claves que manexan para seleccionar os deseñadores: “marcas que teñan algo detrás, unha mínima produción, ou alguén cunha creatividade deslumbrante, cun discuros propio”. Poti poti, que esta semana ofreceu un dos workshops de moda en Esdemga e participou na primeira edición de Ego, foi un dos exemplos de marca ben xestionada que ofreceu.

As primeiras entrevistas de traballo

Os novos deseñadores deberán asimilar con rapidez os consellos ofrecidos polos profesionais e poñelos xa en práctica este venres á tarde. A organización de PontevedraDebut organizou unhs encontros para que as alumnas presenten os seus portfolios cos responsables dos departamentos de recursos humanos de varias empresas do sector como Caramelo, Antonio Pernas, Purificación García ou Inditex.