DUVI

Diario da Universidade de Vigo

80 estudantes participaron nunha sesión de risoterapia

Os alumnos do Programa de Maiores do campus despiden o curso a gargalladas

Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa acudiu á clausura

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 12/06/2008

Os 80 alumnos do Programa de Maiores do campus despediron o curso, unha vez rematados os temidos exames, cunha sesión de risoterapia na que esqueceron o esforzo das horas de estudo e abandonáronse aos xogos e ás gargalladas. Procedentes dos cinco cursos do Programa, os xubilados, amas de casa e persoas en activo, con e sen estudos, que compoñen o alumnado con máis experiencia da Universidade de Vigo, demostraron que ademais da súa idade, só teñen en común unha gran inquedanza por aprender e moitas ganas de pasalo ben.
"Ter uns determinados anos non significa retirarse de todo” explicou Manuel Mourelo, antigo director da Aula, que funciona dende hai 6 anos en Ourense para os que naceron hai máis de medio século. “Tivemos que loitar moito para que se baixara a idade mínima, porque eu tiña 53 anos cando se creou e o límite estaba en 55” recordou. Hoxe en día, o éxito e o alto grao de satisfacción dos participantes avalan esta iniciativa, promovida pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa na que os propios estudantes teñen moito peso. “A implicación é unha das características máis notables da Aula, o que dá lugar a uns alumnos contentos co que se lles ofrece pero tamén esixentes” comentou o seu vicerreitor, Pedro Membiela. Ademais, engadiu que “a valoración do profesorado tamén é moi positiva, o que se transmite aos órganos de xestión”dixo.
En canto ás diferenzas entre o universitario tradicional e o sénior, Membiela apuntou cara a motivación. “Os mozos teñen como obxectivo conseguir un título e unha formación para a súa integración no mercado laboral”, dixo, “mentres que os maiores teñen como prioridade a súa formación persoal, enriquecemento cultural, así como o establecer relacións persoais”. Este interese previo por aprender e socializar facilita o éxito dun programa que a semana pasada constituíuse oficialmente dentro da Federación Galega de Asociacións de Aulas de Maiores que reúne as dos sete campus de Galicia.
Ademais, a Universidade de Vigo reunirá o vindeiro 27 de xuño no Primeiro Encontro de Maiores, a todos os participantes nas programas dos tres campus co fin de integralos na comunidade dun xeito interxeracional.

A voz da experiencia

Todos os alumnos coinciden en sinalar a mágoa que lles produce o remate dun curso co que “están moi contentos porque ademais de fomentar a aprendizaxe, facilita as relacións entre xente de procedencia moi diversa” explicou Mourelo, quen explicou que “eu non puiden ir á universidade e sempre foi algo que me fixo moita ilusión, así que non desaproveitei esta oportunidade”. No seu mesmo caso está Aurelio Sánchez, “non estudei porque fun un neno da posguerra e aos 10 anos xa estaba traballando” dixo. “Unha vez que rematei a miña traxectoria profesional e encamiñei a vida dos meus fillos decidín facer o que non fixera antes” explicou, e decidiu volver a clase coa súa muller ante o asombro dos seus descendentes, que ao principio “tomárono a broma, aínda que agora están moi orgullosos e failles moita gracia canto traemos aos netos tamén ao campus a ver os patos” comentou Sánchez.
Sen embargo, tamén hai xente que volve por segunda vez á Universidade, como é o caso de Candi Rodríguez, mestra prexubilada. “Quería manterme mentalmente activa e me apetecía ser alumna de novo” comentou, “ademais esta é moi diferente da universidade que coñecín na miña época, que era demasiado ríxida. Agora tes outra relación co profesor, opinas, falas, é máis interactivo” sinalou satisfeita. De feito, “estamos na idade de aproveitalo todo, temos unha bagaxe detrás e todo nos interesa e nos serve para aprender” concluíu.
Aínda que nun principio a universidade lles impuña respecto, todos coinciden en sinalar a receptividade dos estudantes máis novos “co seu apoio e boa acollida, exenta absolutamente de escepticismo”, algo que en verbas de Aurelio Sánchez agradecen fondamente xa que permite “a nosa total integración no colectivo universitario, porque hai que pensar que a xente da nosa idade que fai isto ten unhas inquedanzas diferentes” explica. De feito, entre apuntamentos, comentarios sobre os profesores e os pasados exames, só o aspecto externo os diferenza dos demais estudantes que pasean polo campus. “Tamén outra cousa” apuntan divertidos os maiores, “son os nosos fillos os que nos controlan as notas e nos obrigan a estudar no verán, aínda que non temos setembro, para que aproveitemos as clases” din entre risas, afirmando que tanto eles como os seus netos están moi orgullosos da súa nova etapa académica.