DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os alumnos da segunda edición do Máster en Dirección e Planificación do Turismo fan as súas achegas á mellora do turismo galego

Este luns defenden os seus proxectos na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 24/07/2009

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolle, este luns 27 de xullo, a defensa dos proxectos da segunda edición do Máster en Dirección e Planificación do Turismo. Un total de trece alumnos presentarán, diante dun tribunal, os seus traballos froito dos coñecementos adquiridos nun mestrado que auna a análise e a resolución de casos reais para adecuarse ao mercado laboral.
Os trece traballos que se presentarán ao longo do día abranguen aspectos moi variados sobre o sector turístico. Así, mentres uns presentan as súas propostas para a propia cidade de Ourense, como un plan de empresa Organizadora Profesional de Congresos (OPC) ou unha avaliación da imaxe que os organismos públicos dan da cidade; outros traballan sobre o ámbito galego e presentan propostas de promoción de Galicia a través do turismo de festivais ou a gastronomía como un produto estratéxico. Os eventos deportivos como elementos dinamizadores na planificación e promoción turística ou a implantación da marca Q de calidade turística galega son outros dos temas tratados. De todos eles premiarase aos mellores cun agasallo monetario e estancias en establecementos do sector.
O tribunal estará composto por representantes de institucións e empresas vinculadas a este sector. Rubén C. Lois, ex director Xeral de Turismo; María Xosé Piñeira Mantiñán, da Universidade de Santiago de Compostela e Ángel Barajas, da Universidade de Vigo, serán membros permanentes mentres que os outros dous integrantes variarán ao longo do día. O profesor da Universidade de Vigo, Tomás Coto, presenciará as presentacións da mañá e Patricio Sánchez fará o propio pola tarde. O quinto membro será alguén integrado nas empresas do sector turístico e irá rotando ao longo do día entre Alfonso Cortés, de Caixa Galicia; a directora médica de Caldaria, Mª Dolores Fernández; José Juan Cerdeira, representante da Deputación e Ramón Braña, de Hesperia.

O Máster en Dirección e Planificación do Turismo

O vindeiro curso comezará a terceira edición deste mestrado para seguir formando profesionais de alto nivel para a dirección e a planificación de empresas, actividades e institucións turísticas.
Esta titulación profesionalizante consta de 120 créditos ECTS distribuídos en dous anos académicos, o primeiro composto por materias de caracter xeral e o segundo por materias específicas e en conexión coa especialidade de Turismo Interior e de Saúde. Aqueles interesados en realizar estes estudos aínda están a tempo, a matrícula estará aberta do 4 ao 10 de setembro, para o cal se deberá empregar a aplicación https://matricula.uvigo.es/loginx/Login.asp, onde só será preciso subir o currículo e cubrir o formulario, a documentación restante (título universitario e expediente) presentarase na secretaría da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense.