DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo firma un novo convenio de colaboración

Os alumnos de turismo poderán facer prácticas pre-profesionais no Hotel Talaso Atlántico

O acordo tamén supón descontos nos servizos do hotel para a comunidade universitaria

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noelia V. Vilanova DUVI 28/11/2008

A firma dun novo convenio de colaboración co mundo empresarial consolida a aposta da Universidade de Vigo por achegarse á realidade laboral e por formar persoal cada vez máis cualificado. Nesta ocasión, é o Hotel Talaso Atlántico o que entra a formar parte das máis de 300 empresas que xa colaboran co campus ourensán. O acordo, que se asinou este venres 29, conleva tres convenios, dous para a realización de prácticas pre-profesionais dos alumnos do Grao en Tursimo e o Master en Dirección e Planificación do Turismo e un que proporcionará descontos e prezos especiais dos que toda a comunidade universitaria poderá gozar no aloxamento, os servizos de talasoterapia e os restaurantes do Hotel Talaso Atlántico.
Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do Campus de Ourense, destacou durante a firma, que “tanto os graos como os posgraos esixen, para rematar os estudos, que os alumnos fagan prácticas pre-profesionais”, polo que “chegar a acordos con empresas é algo fundamental”. Ademais desta obrigatoriedade, Gálvez, sinalou esta colaboración como “unha requisito fundamental para que os estudantes non se incorporen ao mundo laboral sen ningún tipo de experiencia”. O vicerreitor rematou agradecendo o traballo de José Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e de José Antonio Fraiz, director do Máster en Dirección e Planificación do Turismo, “porque sempre están pensando nos seus alumnos para que teñan as mellores saídas profesionais posibles”.
Pola súa banda, Jesús Pérez, director do Hotel e presidente de SOGAT, a Sociedade Galega de Talasoterapia, destacou a importancia desta colaboración para o pulo do sector do turismo de saúde e termal. “É fundamental a coordinación entre a Universidade e o mundo da empresa se queremos ter profesionais de nivel, xa que estamos ante unha realidade emerxente que “precisa dinamización para acadar novos mercados, especialmente estranxeiros, por iso é necesario contar persoas preparadas”, subliñou.

As prácticas na empresa

Dentro do Master en Dirección e Planificación do Turismo, xa que o grao non comeza ata o curso próximo, serán 20 as persoas que poidan realizar prácticas no Hotel Talaso Atlántico cunha duración mínima de 300 horas. Para a realización das mesmas “e para que os alumnos se poidan adicar exclusivamente ao traballo”, explicou Yáñez, a partir do mes de abril do último curso do posgrao suspenderanse as clases. No tocante a duración “esíxese un período mínimo, sen embargo existe flexibilidade para prolongar a estadía laboral, no caso de que o desexe o alumno e a empresa”, puntualizou Fraiz.

Obxectivos da colaboración

O turismo lúdico-terapéutico é un sector en auxe na nosa comunidade, por iso se precisan profesionais formados neste terreo. O obxectivo deste convenio de colaboración “é que os alumnos tomen contacto coa realidade laboral e que a súa vagaxe non se reduza á teoría”, comentou Fraiz. Desde a propia Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo apostouse, na creación do posgrao, pola especialización no terreo do turismo termal, “un enfoque único en España”, engadiu Fraiz. “Co binomio universidade-empresa lograremos que os nosos proxectos saian adiante e que os alumnos atopen un novo nicho de mercado”, concluíu Fraiz.