DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Faranlles entrega da Medalla de Amigo Distinguido e do diploma de Membro do Honra, respectivamente

Os amigos e antigos alumnos da Universidade recoñecen o compromiso de José Pose e Ignacio Rodríguez coa asociación

O vicepresidente, José Luis Vázquez, destaca o traballo de ambos por fomentar a relación universidad

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 20/04/2012
A Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo ten como obxectivo procurar a plena integración da Universidade na sociedade e contribuír ao cumprimento das súas funcións sociais e a súa proxección cultural. Precisamente con este fin traballan os dous persoeiros que este próximo xoves recibirán as distincións desta organización, polas súas achegas positivas tanto para a propia asociación como para a institución viguesa. José Pose Blanco, catedrático e ex decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais recibirá a Medalla de Amigo Distinguido, mentres que a Ignacio Rodríguez, secretario do Consello Social da Universidade, se lle outorgará o diploma de Membro de Honra.

José Pose, ligado a Vigo e á enxeñaría

No transcurso do acto, que se celebrará o vindeiro xoves 26 de abril no Círculo Mercantil de Vigo a partir das 20.00 horas, a Asociación de Amigos e Antigos Alumnos, quere recoñecer o traballo e o compromiso de José Pose tanto coa Universidade como coa cidade en todo o relacionado coa enxeñaría industrial. Pose ostentou varios cargos na institución viguesa como no Colexio oficial de enxeñeiros, sendo vicerreitor de Economía durante o mandato de José Antonio Rodríguez Vázquez, director da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial, decano do Colexio Oficial de ETI e presidente do Colexio Galego de ETI. Pose foi membro tamén, entre outros cargos, do Consello Social da Universidade e director do Departamento de Deseño da Enxeñaría. “Dende todas estas actividades”, destaca José Luis Vázquez, vicepresidente de Relacións Institucionais da asociación, “promoveu a impulsou este organismo como algo indispensable para o desenvolvemento da Universidade”, ao tempo que promoveu a súa presenza entre miles de egresados da mesma. A súa posición permitiulle conseguir que o Colexio Oficial de ETI se incorporase á Asociación de Amigos e Antigos Alumnos. Esta medalla foille outorgada con anterioridade, entre outros, á Escola Naval Militar de Marín, á condesa de Fenosa, a Carmela Arias y Díaz de Rábago, a Emilio Atrio ou a Guillermo Brea.

Ignacio Rodríguez, impulso dende o Consello Social

Ignacio Rodríguez, secretario do Consello Social, recibirá o diploma que o acredita como Membro de Honra da asociación, unha distinción que recoñece as súas contribucións dende este órgano á promoción da asociación. José Luis Vázquez subliña a aposta de Ignacio Rodríguez por esta asociación, que considera un “instrumento básico para o progreso da Universidade”, coa se implicou activamente no desenvolvemento de actividades que achegasen a institución académica á sociedade, estreitando os lazos de colaboración co tecido empresarial e industrial e co eido cultural.