DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves inaugurouse unha mostra do artista Xosé Vilamoure

Os animais en perigo de extinción 'humanízanse' en Alterarte

Está comisariada por Ángel Cerviño

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/09/2018

Diferentes tipos de primates, lémures, osos … un amplo catálogo de animais en perigo de extinción veñen de ocupar os muros da sala de arte contemporánea do campus de Ourense Alterarte. Nunha exposición de Xosé Vilamoure toman o lugar do ser humano para deixar patente a “delirante visión da nosa relación cos animais”, segundo explica o propio creador.

A mostra, que estará aberta ao público ata o 16 de novembro, foi inaugurada este xoves por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte; o artista Xosé Vilamoure e o curador Ángel Cerviño. Sinalando como unha vez máis Alterarte se transforma para acoller a proposta artística dun creador, Xosé Manuel Buxán destacou como Alterarte cumpre 14 anos de vida acollendo unha “obra fermosísima” que forma parte “dun proxecto tan elegante” como o creado por Xosé Vilamoure Animais en Perigo de Extinción. A súa exposición chega o campus como parte do proxecto expositivo de Alterarte Estado Crítico 4, no que 13 comisarios escollen outros tantos artistas para amosar a súa  obra nesta sala.

Pola súa banda, Esther de Blas subliñou como a Sala Alterarte “quere ser unha fiestra para todos os artistas galegos”, agradecendo a implicación e “o traballo ben feito” das persoa que traballan no seu desenvolvemento. Neste mesmo senso, Ángel Cerviño subliñou “a importancia de salas coma esta, un núcleo de resistencia fronte ao desmatelamento do sistema da arte galega”. Sobre a elección do artista, o curador destacou a calidade das series de Vilamoure, lembrando como coñeceu a súa obra no ano 2015.

Cadros e figuras

Segundo explicou o artista antes da inauguración, a exposición está formada por unha selección de obras da súa serie Animais en Perigo de Extinción, formada por arredor de 70 obras e exposta en parte en 2011 no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Tendo en conta este referente, á Sala Alterarte Vilamoure trouxo once dos cadros desta serie, catro deles que non foron expostos anteriormente, e unha instalación de 78 de 101 pequenas figuras de barro sen cocer feitas para esta mostra.

Sobre os cadros expostos, Xosé Vilamoure sinalou que reflicten “animais en perigo de extinción humanizados” abordando a apropiación do home sobre eles. A serie, apuntou, iniciouna a principios do ano 2008 no seu estudo en Vilamoure despois de ver nunha revista dominical dun xornal un artigo no que saían as imaxes de catro monos en perigo de extinción. “Ao día seguinte empecei a pintar, comezando por eses catro monos”, indicou o artista. As escenas que reflicten os cadros, apuntou, abranguen desde unha voda á saúda dun papa ou cardeal e son todo escenas baseadas en fotografías que o artista recolleu de xornais ou revista de todo tipo, sempre “buscando unha imaxe potente, que fose forte e que encaixara co animal”. En definitiva, nelas, o animal aprópiase dunha escena da vida humana. Sobre a execución técnica, o creador ourensán destacou desta serie, feita sobre papel e en esmalte acrílico, a evolución do detalle, desde os trazos de fondo moi soltos ata o preciosismo das facianas dos animais.  

Sobre a instalación de barro, Vilamoure apuntou como se baseou en imaxes de animais en perigo de extinción vistos en Internet, reproducindo as súas cabezas. A elección do material, comentou, pretendeu xogar coa “simboloxía do barro sen cocer, a fraxilidade do barro pero tamén a dos animais en perigo de extinción”. Completa a mostra un poema de José Martín Carmona titulado Comedia da extinción.