DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ex alumnos da Escola Universitaria de Enfermaría explican aos estudantes os seus inicios profesionai

Os anos de traballo en enfermaría son un grao

Ser cautos e sempre preguntar é un dos principais consellos que lles dan

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 17/11/2011
Unha vez rematados os estudo universitarios os inicios da actividade profesional son case sempre duros. Cos coñecementos teóricos na cabeza falta a práctica suficiente para ter seguridade no exercicio das tarefas, algo que só se consegue co paso do tempo. No caso de profesións como os de enfermaría, onde existe unha especial responsabilidade por actuar sobre a saúde das persoas, estes comezos son aínda máis complicados. Para explicar aos futuros enfermeiros e enfermeiras como será esa transición de estudantes a profesionais, sete ex alumnos e alumnas da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense achegáronse este xoves ao centro para explicar as súas experiencias.

A sesión contou coa participación de antigos estudantes de diferentes promocións que actualmente traballan en áreas moi diversas da enfermaría, co obxectivo último de dar unha visión o máis ampla posible ao medio cento de asistentes á xornada. Concretamente interviron Mª Jesús Fernández, supervisora de Área de Formación e Investigación de Dirección de Enfermaría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense CHUO; Natalia Fariñas, enfermeira de Psiquiatría do CHUO; Diana Novoa, enfermeira de Atención Primaria; Andrés Blanco, enfermeiro no Centro de Hemodiálise Santa María; Margarita Rodríguez, enfermeira de Nefroloxía do CHUO; Estela Cid, enfermeira de Dixestivo do CHUO, e Alfredo Pazos, enfermeiro dun centro sociosanitario.

Un cambio de perspectiva

“O obxectivo desta xornada é que coñezades o que se atoparon estes ex alumnos do centro cando remataron a carreira e comezaron a traballar, tendo especialmente en conta as súas vivencias persoais, como viviron ese cambio e esa nova situación e como se sentiron”, díxolles Estrella Portela, directora da Escola Universitaria de Ourense, aos asistentes durante a inauguración do evento.

Mª Jesús Fernández, ex alumna da primeira promoción do centro, foi a primeira en presentar a súa experiencia persoal. “Cando finalizas a carreira estás acostumada a ser a alumna da planta do hospital e de repente pasas a ser a enfermeira de planta e asústaste, custa asimilalo pola responsabilidade que significa, pero o consegues perfectamente”, explicoulle aos estudantes. Da súa vivencia tamén lles quixo transmitir como cambia a visión dos estudos á práctica profesional, poñendo como exemplo o seu caso persoal, que comezou traballando con prematuros por casualidade e sen querelo e hoxe non se ve a si mesma exercendo noutra área que non sexa esa.

Entre anécdota e anécdota, Mª Jesús Fernández aconselloulle aos futuros enfermeiros que ante todo deben “ter cautela, pecar de parvos antes que aventurarse, preguntar sempre ante a máis mínima dúbida para ter seguridade, pois estamos traballando con pacientes”, advertiulles.

Dunha promoción moito máis recente, da número quince, Andrés Blanco explicoulles aos asistentes os seus inicios no sistema público de sanidade pero como, ante a inestabilidade laboral, decidiu probar sorte noutro ámbito como é o exercicio da enfermería vinculada ao ocio e o tempo libre. Con esta experiencia, o enfermeiro animou aos estudantes a non só focalizar a súa orientación laboral cara o sistema público e a ter en conta outras alternativas igualmente atractivas para o desenvolvemento profesional da enfermaría.