DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O PAS Luís Torres presenta o libro ‘Repertorio Tabernario’ este venres na Casa das Campás

Os apaixonados da música popular teñen un novo libro de cabeceira

Está editado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijóo DUVI 17/02/2012

Xa non hai escusa para deixar de entoar A Rianxeira por non lembrar a letra. Luís Torres, membro do PAS da Universidade de Vigo, compilou máis de cen cantigas populares que se recollen por escrito na publicación Repertorio Tabernario, editado pola Área de Normalización Lingüística e que se presenta publicamente este venres ás 20.00 horas na Casa das Campás. Como explica o propio Torres, esta escolma nace dun proxecto persoal que leva desenvolvendo dende hai anos coa colaboración doutros membros do PAS como Cándido Pérez e Xan Herrera. “Este libro xurdiu da necesidade de dispor dun manual do que botar man neses momentos nos que unha persoa se arranca a cantar e non se lembra da letra completa”, comenta o autor.

Esta escolma naceu en 2008 cando o propio Luís Torres comezou a compilación das cantigas que lle parecían máis representativas do “panorama tabernario do noso país”. Para o autor, canto tabernario non soamente fai alusión ás cancións entoadas en bares e tabernas, “senón a todo aquel canto furtivo e espontáneo non sometido a máis regras que á sensibilidade, ao gusto, á entoación e ao ritmo sen maior acompañamento que unha guitarra e unha gaita”.

Antes da publicación desta versión definitiva, Torres xa autoeditara unha primeira versión no Entroido de 2008 con 500 copias “que me quitaron das mans”, sinala. Tras esta primeira proba o autor constatou que había algunhas pezas “que soaban máis” ou que eran máis populares ca outras, polo que viu necesario facer unha segunda revisión e no verán de 2010 volveu editar outra publicación de xeito individual. Para esta terceira versión Torres contou xa co apoio da Área de Normalización Lingüísitica da Universidade “que sen ningunha dúbida animouse a editar e publicar de forma máis seria esta nova edición”.

Unha escolma de máis de 100 cantigas

Repertorio Tabernario inclúe unha selección de máis de 100 cantigas populares, “coido que as máis coñecidas e entoadas algunha vez por todos, como A Rianxeira, Catro Vellos Mariñeiros...”, salienta Torres. O autor destaca ademais que o grupo musical A Roda lle serviu de referente á hora de escoller as cancións pois “son os verdadeiros responsables de que perviva este xénero na nosa comunidade”, de aí que máis do 50% das cancións seleccionadas foran entoadas algunha vez por este grupo.

Este venres ás 20.00 horas na Casa das Campás Luis Torres presenta oficialmente Repertorio Tabernario e testará a utilidade da publicación “entoando de forma improvisada algunha das cancións recompiladas”.