DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana comezou a terceira campaña na necrópole medieval de Parada do Sil

Os arqueólogos volven a Barxacova para descubrir novos sepulcros

O obxectivo é ampliar a zona de traballo ante a certeza de que hai máis tumbas nas rochas

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 12/09/2012
Durante os meses de verán dúas alumnas da Facultade de Historia do campus de Ourense traballaron no enclave arqueolóxico de San Vítor de Barxacova, no concello de Parada do Sil, realizando un itinerario por esta necrópole medieval, considerada unha das máis importantes do noroeste peninsular. Comezado o curso académico, os arqueólogos toman o relevo e continuarán o proxecto de investigación e difusión do xacemento coa realización dunha terceira campaña na zona. Desde este luns e ata o 3 de outubro, un equipo de once persoas traballará no enclave co obxectivo de ampliar a zona de estudo ante a certeza de que hai máis sepulcros e restos por descubrir alén das 35 tumbas antropomorfas xa identificadas nas rochas.

A investigación

“A intención este ano é ampliar novamente a área visitable da necrópole. Queremos incorporar a zona dunha das sondaxes realizadas no ano 2010, onde se atopou a curiosa sepultura con osario “tipo San Vítor” e onde posiblemente aparezan novas tumbas. Ademais abriremos tres novas sondaxes tratando de documentar novos sectores do xacemento e de corroborar a sospeita da presenza dun asentamento habitacional relacionado cos enterramentos”, explica Eduardo-Breogán Nieto, director das escavacións e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, onde realiza a súa tese de doutoramento.

Os traballos completaranse cunha limpeza intensiva nos Padrós, lugar moi próximo ao xacemento onde un conto local sitúa máis sartegos, e faranse varias sondaxes valorativas en San Salvador, xacemento descuberto a uns 300 metros de San Vítor, onde os técnicos teñen localizado cerámicas medievais en superficie e unha estrutura pétrea arruinada.

Nesta campaña, financiada polo Concello de Parada do Sil, participan, alén do director, o arqueólogo e documentalista Víctor Rodríguez, tamén doutorando da Universidade de Vigo, que ademais de estar presente nos traballos de escavación continúa co baleirado da documentación medieval. A este equipo técnico súmanse este ano a antropóloga física Olalla López, que se encargará do estudo dos restos óseos que aparezan, dous operarios do concello e seis voluntarios das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Barcelona e da Escola de Restauración de Pontevedra.

A divulgación

Durante a realización da escavación o público interesado poderá achegarse a coñecer in situ o traballo que se realiza no xacemento xa que está previsto que se organicen visitas guiadas. As visitas darán continuidade ás realizadas durante os meses de verán, cando dúas alumnas da Facultade de Historia de Ourense, Rocío Prado e Eva Fátima García, se encargaron de deseñar e ofrecer itinerarios titorizados ás persoas interesadas grazas a un convenio de cooperación educativa entre a facultade e o concello ourensán. Como en anteriores ocasións, o equipo do proxecto irá dando conta dos seus traballos e novidades no blog do proxecto.