DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tres candidatas a vicerreitoras de Alternativa Universitaria pegaron carteis nas facultades

Os aspirantes á Reitoría inician a campaña no campus facendo un chamamento á participación electoral

O candidato Jaime Cabeza mantivo reunións con estudantes, docentes e investigadores

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 06/05/2010

As dúas candidaturas aspirantes a tomar as rendas da Universidade de Vigo co gallo das eleccións do 20 de maio iniciaron a súa campaña electoral no campus facendo un chamamento á participación de estudantes, docentes, investigadores e persoal de administración e servizos no proceso. A candidata á Vicerreitoría do campus de Ourense por Alternativa Universitaria, María Lameiras, acompañada por María Victoria Jato e Asunción Longo, asegurou que “nestas eleccións toda a comunidade universitaria ten a posibilidade de participar co seu voto. Nós queremos fomentar moi especialmente a participación dos estudantes no proceso e transmitirlles a importancia do papel que xogan nestas eleccións". Na mesma liña, o candidato a reitor por Nova Universidade, Jaime Cabeza, afirmou que “a participación ten que ser o primeiro obxectivo da campaña porque se un dos candidatos gaña pero cunha baixa participación a lexitimidade democrática do proceso será máis pequena”.

A investigación e a transferencia, piares dun mandato

María Lameiras, candidata á Vicerreitoría do campus; Victoria Jato, que ocuparía o carto de vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus e María Asunción Longo, que levaría a carteira de Investigación da Universidade de Vigo iniciaron campaña por Alternativa Universitaria no campus ourensán cunha pegada de carteis polos distintos centros e facultades. En declaracións aos medios María Lameiras lembrou que a Universidade desenvolve un papel moi importante na nosa cidade e que, por iso, o seu primeiro cometido vai ser “traballar na conexión da Universidade coa sociedade”. A modernización da institución académica “para facer dela un referente”, a posta en marcha de novas infraestruturas e o traballo no eido da docencia e da investigación serán outros dos seus cometidos “sen esquecer outras temáticas como a igualdade e a integración da diversidade”, afirmou.
Victoria Jato, pola súa banda, explicou que o seu principal obxectivo como vicerreitora de Investigación e Transferencia do campus “vai ser estar moi preto de todos os grupos de investigación para coñecer cal é a problemática de cada un deles”. Axilizar a xestión da investigación e conseguir que os resultados cheguen á sociedade e redunden no seu beneficio, serán outros dos seus obxectivos. Unha liña de traballo que abordaría tamén desde a Vicerreitoría de Investigacion María Asunción Longo para a que avanzar na investigación e na transferencia “orientando os seus estudos e resultados cara a internacionalización” e identificar as capacidades dos grupos de investigación “para fomentar unións e agrupamentos entre eles” serían algúns dos seur cometidos no cargo.

Reunións con estudantes, docentes e investigadores

Jaime Cabeza iniciou o seu primeiro día de campaña electoral no campus reuníndose co persoal docente e investigador das facultades de Historia e Ciencias da Educación e a continuación mantivo un encontro co alumnado ao que definiu como “o sinal de identidade e a razón de ser da nosa institución”. Para Jaime Cabeza o estudantado “é o colectivo máis numeroso e, moitas veces o máis desatendido”, polo que considera moi importante centrar os servizos da comunidade universitaria neste colectivo. Na xuntanza cos estudantes o candidato de Nova Universidade revelou que o emprego e as saídas profesionais dos alumnos e das alumnas “vai ser a primeira preocupación deste futuro reitor” ao tempo que amosou o seu interese “por incentivar as políticas de cooperación e voluntariado na mesma liña do que se está a facer noutras universidades españolas”.
Foron moitas as propostas de mellora de servizos que Jaime Cabeza lles transmitiu ao alumnado e que abarcaron dende as áreas cultural e deportiva, ata o transporte e o horario da biblioteca “para que chegue, polo menos, ao mesmo horario de apertura dos centros”. Respectar os dereitos lingüísticos do alumnado, darlle nivel investigador á nosa lingua “establecendo medidas de axuda á produción científica e académica”, mellorar os servizos da Oficina de Emprego “para que sirva de canle real de transferencia do estudo ao emprego” e rebaixar as taxas dos posgraos “establecendo uns criterios económicos para que a xente con falta de recursos poida acceder a estes estudos por un prezo equivalente aos de grao” foron algunhas das propostas do candidato, que pechou a xornada no campus de Ourense co persoal docente e investigador da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Facultade de Ciencias.