DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o director de comunicación da Universidad de Sevilla no XII Curso de Comunicación e Protocol

Os ataques contra a imaxe das universidades públicas esconden un desexo “oculto” de control político

A pesar das críticas, os universitarios e a sociedade si que valoran positivamente as accións destas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 09/05/2012

As universidades públicas representan un investimento de 10.000 millóns de euros e gozan de autonomía para tomar as súas decisións, “situación que perturba aos políticos e os incita a controlalas”. Estas palabras servíronlle a José Álvarez Marcos, director de comunicación da Universidad de Sevilla, para contextualizar a campaña de desprestixio que algúns sectores da sociedade están liderando en contra da imaxe das universidades públicas. Convidado polo profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramos, para impartir a conferencia de apertura do XII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo, este docente de xornalismo declarou que eses continuos ataques “esconden un desexo oculto de reforma e de cambio para lograr controlar as universidades politicamente”.
No acto inaugural do curso, que contou coa presenza do Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, e do decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, Fernando Ramos lembrou a relevancia e o éxito deste evento, “que se vén celebrando ininterrompidamente dende hai máis de 12 anos e que congrega ao maior número de alumnos do sistema universitario de Galicia”, contando nesta edición con máis de 350 inscritos procedentes de todos os perfís profesionais.

A pesar das críticas, percepción positiva

José Álvarez Marcos fixo alusión á política de recortes do Ministro de Educación no ensino, “que oculta un cambio de modelo universitario público”, ademais de referirse á recente creación da comisión de expertos para a reforma universitaria “que semella máis a unha comisión de amigos avalistas, sen representantes de estudantes nin das áreas de humanidades”, engadiu. O director de comunicación da Universidad de Sevilla quixo demostrar durante a súa intervención que “a imaxe das universidades públicas é bastante positiva a pesar do que nos fan crer”, para o que fixo unha comparación entre o que se transmite dende algúns sectores e o que perciben “os verdadeiros usuarios das universidades públicas”. O experto botou man do informe La Contribución de las Universidades Españolas al Desarrollo realizado pola Fundación CYD, “que recolle as posibles deficiencias das nosas institucións”, e acompañouno de noticias de prensa que serviron de exemplo da campaña mediática de desprestixio “que xa se iniciou hai dous anos e que se intensificou nestes últimos tres meses”.

Álvarez Marcos contrastou “todo este aluvión de críticas” en contra do ensino público cos niveis de percepción dos “clientes” reais dos servizos universitarios. Así, referiuse a un estudo de El País sobre a confianza reputacional dos españois “que recolle que os científicos, os médicos e as universidades son os entes nos que máis confían os cidadáns e, curiosamente, nos que máis se está recortando financiamento”, sinalou. O experto concluíu que “non sobran universidades, non resultan caras para o contribuínte e non son ineficientes” e lembrou que non deben ser consideradas como empresas privadas, “senón proxectos sociais de todos e para todos” referíndose, neste sentido, ao papel que deben asumir os consellos sociais das universidades, “responsables de achegar unha visión clara do que ocorre fóra e auténticos valedores de que a institución responda ás necesidades da cidadanía”. Agregou que estes organismos deben facer que a universidade e a sociedade se fusionen “converténdose nun todo capaz de liderar a saída da crise”.

Homenaxe "a un habitual" do curso

A duodécima edición deste curso dirixido por Fernando Ramos comezou cunha homenaxe á memoria de George Hall, experto en comercio internacional e “poñente habitual deste encontro” recentemente falecido. O presidente do Consello Social da Universidade fíxolle entrega á súa viúva dun diploma conmemorativo e dun ramo de flores “en lembranza deste cabaleiro inglés disposto a devolvernos Xibraltar”, recordou o profesor Ramos.

Os beneficios que as novas tecnoloxías poden achegar ao protocolo tamén foron obxecto de debate. Dúas investigadoras da Universidade, Blanca Piñeiro e Marián Rodríguez, analizaron as últimas tendencias e ferramentas empregadas na organización de eventos e o tema do cerimonial tamén se tratou dende a perspectiva da realización televisiva da man do profesor Paulino Feijoo. Mañá xoves, o curso continuará coa participación de Jordi Xifra, un dos referentes internacionais sobre a investigación en relacións públicas que afondará na xestión da imaxe oficial dende o poder. O protocolo do goberno autonómico, a xestión do cotiá por parte dunha pequena consultaría de relacións públicas, as celebracións dos bicentenarios de independencia das repúblicas de América, os eventos en hoteis, o tratamento da DO Rías Baixas e o protocolo militar completan a lista de temas de estudo do programa. María Teresa Otero Alvarado, presidenta da Organización Internacional de Cerimonial e Protocolo, clausurará esta nova edición do curso.