DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Fernando Suárez recupera este fito da cultura galega

Os autores galegos situáronse na vangarda internacional da videocreación durante a década dos oitenta

Entre os creadores destacan Manuel Abad, Antón Caeiro, Eloy Lozano, Xavier Villaverde ou Antón Reixa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 23/09/2009

Na década dos oitenta, un bo feixe de autores entre os que se atopaban nomes como Manuel Abad, Xosé Búa, Antón Caeiro, Eloy Lozano, Xavier Villaverde ou Antón Reixa aproveitaron o boom do vídeo para expresar as súas ideas e achegar unha nova imaxe de Galicia. Esas pezas de videocreación “tiveron moita importancia a nivel estatal e internacional pero quedaron esquecidas polas outras facetas que estes autores desenvolveron despois”, explica Fernando Suárez, autor dunha tese grazas á que agora se recupera ese fito da cultura galega.
Ademais dos citados anteriormente, Ignacio Pardo, Guillermo Represa, Demetrio Rodríguez e Antonio Segade completan o panel de autores que Suárez inclúe na súa tese. “Non están todos, pero si os máis paradigmáticos, aqueles que collían camiños distintos ou tiveron moita importancia”, xustifica o director da Área de Imaxe da Universidade de Vigo. Eran poucos pero esa situación excepcional na evolución da cultura galega facilitou a colaboración entre eles, xerando interrelacións múltiples e sentado as bases do actual panorama audiovisual galego.
Veneno puro, de Villaverde, foi a peza fundacional da videocreación española e converteuse nun dos buques insignia da movida galega. Acadou numerosos premios, como o prestixioso Moniteur, (o premio mais importante da videocreación europea) , o Up & Down (Barcelona) e o do Festival Nacional de Vídeo (Madrid), ademais de ser exhibido no Forum do Festival de Cine de Berlín, sendo emitido por varias televisións de Europa. “É a clave de todo”, sinala Suárez. Un novo mundo experimental, saído da mesma Galicia, sorprendeu aos que seguiron esta tendencia. “Preguntabámonos de onde saía este Nova York, que non presentaba a imaxe tópica de Galicia que se tiña naquel tempo, a da muller vestida de negro cun fouciño”. Despois apareceu Reixa, “ríndose de todo”, e así, un a un, estes autores axudaron a presentar outra realidade.

Unha etapa caída no esquecemento

“Cando cheguei á Facultade de Belas Artes decateime de que non se coñecía esa faceta dos autores. Hai que ter en conta que a videoarte é un campo moi minoritario e os profesores que dabamos clase na facultade, e aí me inclúo, nos centramos máis noutros autores internacionais e estatais que nos de aquí”, recoñece. Suárez fala con coñecemento de causa porque foi o madrileño Espacio P, ao que estivo vinculado, o que distribuíu a maioría do vídeo galego que se fixo naqueles anos. “Actuou como axencia e deu a coñecer todo o material en España e internacionalmente”, explica. Este punto de encontro foi vital para a evolución da videocreación galega, que nel atopou o espazo que non tiña nas redes comerciais das galerías, nos museos ou nos espazos culturais das institucións públicas.

Necesidade de recuperación

Unhas das cousas das que Suárez se confesa máis orgulloso é da organización dun ciclo de conferencias celebrado no Macuf, Museo de Arte Contemporanea Unión Fenosa, ao que acudiron "case todos os autores, que vinte anos despois se atoparon cos seus traballos”. Do mesmo xeito, unha exposición comisariada polo propio autor da tese e realizada no Centro Galego de Arte Contemporánea supuxo un acto de xusto recoñecemento a estes creadores, ademais dunha recuperación para o mundo artístico galego. “Se algo é esta tese é necesaria e útil para redescubrir todo ese material”, apunta. Grazas a esta recompilación e ao esforzo de Manuel González, personaxe fundamental na creación das axudas nosa nos 80 e ex responsable da Axencia Audiovisual Galega, foi posible que moitas das pezas analizadas na tese están agora á disposición do público xeral a través do portal Flocos.tv.

As novas tecnoloxías aplicadas ás Belas Artes

A partir dunha tecnoloxía que vivía un boom nos oitenta –o vídeo- estes autores conseguiron expresarse a través dela. Esa aplicación dunha nova técnica ao campo das Belas Artes é a que persegue o grupo de investigación DX7 no que Suárez desenvolve o seu traballo. O grupo ten por obxectivo seguir o panorama audiovisual relacionado coas Belas Artes e nestes momentos, “a rede é o territorio onde está a gran revolución e é aí onde hai que investigar porque está xerando unha creatividade importante”, explica. Sen embargo, ao mesmo tempo, comenta como nas clases a propia tecnoloxía crea problemas ao proceso creativo. “As máquinas ofrecen tantas posibilidades que te pos a pelexar con elas e fagocitan a creatividade”, apunta. Os videocreadores dos oitenta non contaban con tecnoloxías máis avanzadas “e iso axudounos porque se non tes medios e queres contar algo distinto aos demais o cerebro esperta e ponse a funcionar”.