DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dereito acolle as II Xornadas sobre a Formación do Xurista Europeo no Contexto dun Novo Dereito Glob

Os avogados tamén precisan unha posta ao día

Os novos perfís profesionais que demanda a sociedade requiren unha adaptación da súa formación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/11/2011
Nunha sociedade en continua transformación como a actual os perfís profesionais que demanda o mercado laboral van mudando e isto require unha actualización cando menos periódica, senón continua, da formación dos traballadores. No caso dos avogados, dous factores están influíndo especialmente na necesidade de que realicen unha posta ao día: a reforma educativa do EEES e a implantación dun dereito global. Para afondar nestas dúas cuestións, a Facultade de Dereito acolle o 10 e 30 de novembro as II Xornadas sobre a Formación do Xurista.

A primeira sesión das xornadas, organizadas pola Área de Dereito Procesal e Dereito Romano da Universidade de Vigo baixo a coordinación das profesoras Inés Iglesias Canle e María José Bravo Bosch, tivo lugar este xoves no campus de Ourense, contando para a súa inauguración coa participación de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Michinel, decano da Facultade de Dereito; e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo. Durante a presentación, Miguel Michinel quixo salientar a trascendencia que ten para o exercicio da profesión os cambios que están acontecendo no ámbito do Dereito, polo que animou aos asistentes a aproveitar ao máximo as xornadas. Un desexo compartido por María Lameiras, que destacou que “a educación universitaria non é só a formación regrada, senón que esta é complementada e enriquecida por iniciativa coma este curso”.

Como avogado e como presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa amosouse pola súa banda moi satisfeito pola celebración destas xornadas, que “son un claro exemplo da necesaria e imprescindible posta ao día da formación dos avogados e de como o coñecemento e a aprendizaxe son sempre produtivos”.

Examinar os plans de estudo

Trala inauguración oficial comezaron as conferencias, nas que se abordaron cuestións como o dereito da personalidade en Brasil, o dereito común europeo, o itinerario formativo dos xuristas ou a importancia do dereito romano como fundamento para a construción dun dereito privado europeo, contando con destacados académicos e xuristas como María Vital da Rocha, da Universidade Federal do Ceará; Vicenzo Durante, da Universidade de Florencia; Pedro Resina e Rosalía Rodríguez, da Universidade de Almería; Luis Rodríguez Ennes, da Universidade de Vigo, e Modesto Barcia, da Universidade da Coruña.

“Con estas intervencións e as do día 30 queremos afondar nos novos retos que debe afrontar a Educación Superior para garantir a axeitada formación dos futuros xuristas, atendendo ás esixencias dos novos perfís profesionais e examinando se os novos plans de estudo responden axeitadamente aos retos do Dereito”, salientou Inés Iglesias Canle.

A próxima sesión, o día 30 de novembro

As II Xornadas sobre a Formación do Xurista Europeo no Contexto dun Novo Dereito Global continuarán o día 30 de novembro cunha segunda sesión que comezará coa intervención de José Agustín González, da Universidade de Vigo, sobre a docencia do dereito constitucional no marco do EEES. Seguiranlle Inés Iglesias Canle e Juan Montero, da Universidade de Valencia, que falarán sobre a formación do avogado e o procurador no EEES, e Raquel Castillejo, da Universidade de Santiago de Compostela, que explicará a metodoloxía do caso como técnica de traballo cooperativa no contexto Moot Court.

Para completar as xornadas Bernardino Varela, da Universidade de Santiago de Compostela, e Ágata Sanz, da Universidade de Castilla-La Mancha, disertarán sobre o ensino do dereito procesal e as novas metodoloxías docentes, e Francisco Javier Álvarez, da Universidade Carlos III de Madrid, afondará no tráfico de drogas nas relacións de explotación no ámbito internacional.