DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Infantil retomou a súa actividade este mércores cunha xornada de portas abertas

Os benxamíns tamén regresan ao campus coa mochila ás costas

Celebráronse catro obradoiros para involucrar á familia no ambiente do centro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 05/09/2012

Se este luns comezaron as clases para o alumnado da Universidade de Vigo, hoxe mércores foi a quenda dos máis pequenos. A Escola Infantil do campus de Pontevedra retomou a súa actividade tras o parón estival cunha xornada de portas abertas á que asistiu a familia para acompañar aos cativos no seu primeiro día. “Con este encontro pretendemos dar a benvida ao novo curso ademais de ter unha primeira toma de contacto entre pais e nais, nenos e educadores para ir coñecéndonos”, explica Ángeles Rodríguez, directora da escola.

A golpe de música foron recibidos os nenos e nenas, o que axudou a subir os ánimos e a impregnar de alegría e enerxía o ambiente. “Comezamos con moitas ganas e ilusión pois volvelos ver entrar pola porta sorrindo e comprobar o que cambiaron nun mes xa nos reconforta”, recoñece a directora que xunto co resto de educadoras levan preparando dende o luns este reencontro. Mañá xoves o centro retomará a súa actividade normal “pero decidimos comezar dunha forma máis amena e entretida para que os máis pequenos vaian coñecendo o espazo e se vaian afacendo de novo á nosa compañía”, comenta Rodríguez.

Obradoiros para pasar a xornada

Igualmente, as profesoras do centro tamén organizaron para esta xornada catro obradoiros, co obxectivo de involucrar á familia no ambiente escolar e nas actividades dos cativos. Ao longo da mañá celebráronse talleres de pintura, de papel, de psicomotricidade e de xogo libre para fomentar a relación entre todos os pais, nais e cativos, “xa que é moi importante que se coñezan, interactúen e intercambien experiencias e opinións entre eles”, indica a directora.

O certo é que foron moitos os pais e nais que se achegaron ata o campus para compartir o día de escola cos seus cativos. Foi o caso de Arturo Ramírez que matriculou para este novo curso as súas xemelgas. “Ademais de quedar preto da casa, este centro ten un ambiente encantador e as profesoras son novas, cariñosas e nótaselles as ganas de educar”, recoñece este pai. Esta escola infantil deu resposta a unha demanda prioritaria por parte da comunidade universitaria, a que facilitou a conciliación da vida laboral e familiar. Así o sinala Iván Martínez, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que confesa que é “un servizo envexable, pois teño ao neno a dous pasos de onde traballo”. Outros deciden repetir pola atención prestada, como Candela González que ten unha nena que necesita coidados especiais. “Trátase do segundo ano que inscribo á miña filla nesta escola. Nun principio tiña moito medo porque era a primeira vez que me separaba dela, pero tan bo é o servizo que a nena séntese tranquila e feliz”, declara esta usuaria.

Datos de matrícula

Tal é o atractivo da contorna que moitos pais e nais abandonaron a escola na que tiñan matriculados aos seus cativos pola do campus. “As prazas deste centro teñen bastante demanda xa que gusta moito a contorna natural na que está emprazado, á beira do río e con moita luz, ademais dun patio de grandes dimensións no que os nenos e nenas gozan da paisaxe e dos días de sol”, describe a directora. A Escola Infantil do campus conta para este novo curso con 42 alumnos e alumnas inscritos, 17 de novo ingreso e 25 que renovaron a súa estancia. Aínda queda algunha praza dispoñible “pero o certo é que se acabará cubrindo neste mes de setembro”, aclara.