DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o Anuario 2019 presentado este martes polo Foro Económico de Galicia

Os bos resultados económicos de 2018 desaceléranse

O documento conta coa participación de profesorado das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 30/07/2019

Este martes o Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou o seu Anuario 2019. Nel, os responsables da entidade subliñan como “o ano 2018 foi bo para a economía galega” e como “en perspectiva histórica, 2019 non será un mal ano para a economía española” pero os rexistros serán “inferiores aos de 2018, porque estamos nun proceso de desaceleración que nos transcende”.

O documento foi presentado na sede de Afundación Obra Social Abanca na Coruña nun acto no que participaron María Jesús Montero, ministra de Facenda; Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia; Javier Losada, delegado do Goberno; Emilio Pérez Nieto, presidente do Foro Económico de Galicia; Santiago Lago, director deste foro, e Inés Rey, alcaldesa da Coruña. Editado polo xornalista José Luis Gómez e o profesor da Universidade de Vigo Albino Prada, a publicación “aborda os grandes asuntos económicos de Galicia e a súa contorna e dá cabida ás achegas de profesores das universidades de A Coruña, Santiago, Vigo e Minho, en Portugal.

Participación de 20 especialistas

Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, “este Anuario 2019 chega á pechadura dun exercicio 2018 no que a economía española medrou un 2,6%, o menor incremento en catro anos". En Galicia, engaden, o PIB pechou 2018 cun crecemento medio anual do 2,8%, catro décimas menos que no ano precedente. Neste marco, Emilio Pérez e Santiago Lago, indican como 2018 foi “un bo ano para a economía galega” e 2019 desenvólvese como "un exercicio de maior incerteza e máis deberes pendentes".

Na análise que abre o anuario, Emilio Pérez e Santiago Lago indican como “a composición do crecemento da economía galega reflicte a positiva evolución observada nos indicadores sectoriais ao longo do ano” pero fan fincapé en como “é momento de ser capaces de impulsar un cambio decisivo e permanente, que teña en conta as tendencias da economía internacional”. Así, ademais da evolución do PIB sinalan como en 2018 “xerouse emprego e Galicia superou por primeira vez na súa historia o 90% do PIB per cápita medio galego”. Respecto á previsión para 2019, os responsables do foro engaden como “a renda global medrará de novo por riba do 2% e xerarase emprego neto”. No entanto, advirten, en ambos  casos os rexistros serán inferiores aos de 2018. “Os ventos de cola non sopran coa mesma intensidade que en 2017 e a primeira metade de 2018. A Unión Europea, destino da maior parte das nosas exportacións e orixe da maioría dos turistas que nos visitan, fréase; incluída a locomotora alemá. E as incertezas económicas (guerras comerciais, cambios na política monetaria, un petróleo máis caro...) poboan o futuro. Ademais, seguimos atrapados pola inestabilidade política”, recollen na súa análise.

Ao longo das máis de 200 páxinas do anuario, vinte especialistas analizan diferentes aspectos do contexto socioeconómico que afecta a Galicia, a situación dos diferentes sectores, os retos transversais para a comunidade autónoma e as novas perspectivas económicas. A situación demográfica, o desenvolvemento rural, a relación co norte de Portugal, o investimento estranxeiro ou a empresa familiar son algúns dos temas que centran estas achegas.