DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os CAF convocan mañá martes ao estudantado a unha xornada de folga baixo o lema “Paremos a suba das taxas!”

Está prevista unha concentración na EU de Enxeñaría Técnica Industrial ás 12 h

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 28/04/2008

Os universitarios galegos están chamados este martes a unha xornada de folga convocada polos Comités Abertos de Facultade coa finalidade de denunciar “a excesiva suba das taxas de matrícula”, segundo explica Iago Varela, responsable do sindicato estudantil na Universidade de Vigo.
Os actos de protesta comprenden unha concentración na Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial a partir das 12 da mañá na que se reivindicará, xunto coa conxelación das taxas, un financiamento suficiente para as universidades galegas, a defensa da universidade pública e a paralización da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. Estas son as demandas coas que os CAF agardan paralizar o funcionamento normal da vida universitaria, “xa que é algo que nos afecta a todos, as taxas veñen subindo por riba do IPC e esta ano van seguir subindo”, apunta Varela.
Coa chamada á folga, preténdese facer tamén presión ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario Galego coa que os CAF están negociando o Decreto Galego de Prezos Públicos para o curso 2008/2009.
Nesta concentración, os universitarios contarán tamén co apoio do Comités Abertos de Estudantes, que neste martes convocan tamén unha folga no ensino medio “polo acceso libre á universidade e contra a subida das taxas e a selectividade”. A convocatoria dos CAE inclúe unha manifestación que, partindo da Praza de América, se unirá á concentración na EU de Enxeñaría Técnica Industrial, onde se lerá un comunicado conxunto.

Contra a suba das taxas

Despois da folga convocada o pasado 31 de outubro e a recollida de 10000 sinaturas, a suba das taxas de matrícula volve a provocar unha nova mobilización entre os estudantes universitarios. Segundo explica Iago Varela a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria “leva sete anos consecutivos subindo as taxas por riba do IPC, e para o ano teñen a intención de seguir subindo. Estas subas son, en primeira matrícula, dun 4%, en segunda dun 15%, en terceira un 35% e a partir da cuarta un 50%”. Segundo o representante dos CAF en Vigo “esta suba é excesiva por que non se reflicte nunha mellora dos servizos que se ofrecen aos estudantes”.
Fronte a esta situación, a organización de estudante propón a conxelación das subidas e que “o financiamento se incremente con cargo ao plano de financiamento e non aos prezos públicos”.

Sobre o EEES

Outra das reivindicacións do colectivo é “parar as consecuencias máis nocivas da creación do Espazo Europeo de Educación Superior “, o que implica segundo o representante dos CAF “que os posgraos teñan o mesmo prezo que os graos e que se garanta un financiamento público suficiente para as universidades galegas. Con este novo sistema téndese á privatización do sistema universitario e co investimento que hai non é axeitado adaptarnos a Boloña”.