DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o director xeral de Saúde Pública

Os cambios no estilo de vida e o deterioro do entorno inciden nas causas de enfermidade dos galegos

Ramón Medina interviu nas II Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 23/10/2008

Na súa intervención nas II Xornadas de Medio Ambiente e Dereito Ambiental que se celebran ata este venres no salón de graos da Facultade de Ciencias, o director xeral de Saúde Pública, Ramón Medina, afondou na influencia que ten o deterioro do medio ambiente na nosa calidade de vida. Medina comezou contextualizando o proceso saúde-enfermidade, “un estado no que as persoas nos atopamos sempre, máis preto dun extremo ou doutro”, que sen embargo se ve afectado, fundamentalmente, por tres factores, a xenética, a cantidade de agresións e riscos do medio ambiente e a capacidade de adaptación a ese medio. “Os cambios nos patróns alimentarios, o sedentarismo, o tabaco e o deterioro do noso entorno teñen moito que ver coas actuais causas de enfermidade dos galegos”, proseguiu Medina. Os principais problemas medio ambientais que afectan a nosa saúde, directa ou indirectamente a través da nosa alimentación, son “a contaminación das augas, da terra e da atmófera, a deforestación e o ruido”, destacou o director xeral.
Medina tamén adicou un momento para falar do noso sistema sanitario, do que dixo “é un dos mellores sistemas de saúde pública do mundo en canto a prestacións e cobertura”. A pesar diso, “é necesario mellorar a súa eficiencia se queremos garantir a súa sostibilidade”.
En definitiva para Medina “hai que traballar para conseguir un xeito de vivir máis acorde coa saúde e polo tanto coa felicidade, facendo que o obxectivo non sexa engadir anos a vida, senón vida aos anos”, é dicir, que o tempo que vivamos o fagamos felices e sen limitacións. Medina concluíu a súa intervención asegurando que hai que poñer a disposición dos individuos e da comunidade os instrumentos que lles permitan ser axentes activos na protección da súa saúde”.
Outras das conferencias da tarde foi a de Eduardo Salazar Ortuño, avogado ambientalista de AJÁ e responsable da sección de dereito ambiental do Colexio de Murcia, que falou da desprotección do litoral, en concreto, do caso da Mariña de Cope en Murcia, único caso destas características que chegou ao Tribunal Constitucional no que aínda se atopa.
Ana Merino Gil, doutora en dereito e secretaria do Concello de Redondela, foi a encargada de pechar a xornadas abordando os aspectos xurídicos da avaliación da incidencia e do impacto ambiental.

Clausura das xornadas

O remate das xornadas será este venres 24, día no que o protagonismo será para cuestións relativas a temas de lexislación, dereito penal e fiscalidade ambiental. Ao remate dos relatorios, sobre as 20.30 horas, terá lugar o acto de clausura, no que estarán presentes Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Carlos Mejuto, decano da Facultade de Ciencias e Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo. Tamén será o momento de entrega do diploma que acredita a asistencia ás xornadas e que será validable para oposicións de educación e medio ambiente, ademais de permitir obter dous créditos de libre elección aos asistentes que sexan alumnos da Universidade de Vigo.