DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Lorena Fernández afonda no financiamento desta vía no seu traballo fin de grao

Os camiños que levan á posta en marcha da Autopista do Mar de Vigo

A egresada foi distinguida co Premio Extraordinario Fin de Carreira polo Colexio de Economistas de O

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 11/06/2014

No ano 2001 a Comisión Europea propuxo a creación das chamadas autopistas do mar, introducindo por primeira vez este concepto como o dunha cadea maritimo-terrestre que ofrece un servizo porta a porta, flexible e regular, co obxectivo de reducir a conxestión das infraestruturas, principalmente dos Alpes e Pirineos, e mellorar as conexións coas rexións periféricas e insulares. Neste contexto, a Autopista do Mar de Vigo foi aprobada en 2009 polos gobernos de España e Francia para unir o porto galego co de Saint Nazaire pero non se atopa operativa porque tivo facer fronte a unha serie de problemas. Lorena Fernández afonda no financiamento desta vía no seu traballo fin de grao.

O traballo fin de grao de Administración e Dirección de Empresas, titulado Factores que xustifican o financiamento público das autopistas do mar. A Autopista do Mar de Vigo, foi titorizado por María José Caride, docente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense onde se realizou o proxecto e ex conselleira de Política Territorial da Xunta de Galicia. Coincidindo coa celebración do acto de graduación do alumnado deste centro, Lorena Fernández recibiu de mans de responsables do Colexio de Economistas de Ourense o Premio Extraordinario Fin de Carreira, en recoñecemento ao conxunto do seu expediente académico.

As vantaxes fronte ao transporte por estrada

A súa investigación, apunta, parte do feito de que “na UE máis do 45% dos desprazamentos de mercadorías entre países empregan a estrada pero o seu uso intenso provoca contaminación, consumo de enerxía e conxestión. Neste contexto, as autopistas do mar constitúen unha boa alternativa para superar o conxunto de custes e danos producidos polo transporte por estrada”. Deste xeito, estas vías, comenta, teñen unha crecente importancia nas políticas da UE, que as considera unha alternativa importante para o desenvolvemento dun sistema de transporte sustentable. “Non se trata só de transporte marítimo, senón que integra distintos modelos de transporte por encargarse de coordinar todo o traxecto e ofrecer un servizo porta a porta frecuente e regular que pode ser competitivo fronte ás innegables vantaxes que ofrece o transporte por estrada”, subliña no seu traballo a egresada ourensá.

Neste contexto, sinala, diferentes acontecementos empresariais e institucionais e a caída do tráfico vinculado á crise económica, impediron a posta en marcha ata o momento da Autopista do Mar de Vigo, “un proxecto solvente, con experiencia, tráficos de referencia, un hinterland de influencia e con capacidade económica de xerar tráficos que poidan desviarse da estrada a esta autopista”. Segundo indica Fernández, no período transcorrido desde a selección da vía viguesa, materializouse outra autopista do mar, a de Xixón, que compite por tráficos similares e que supón unha barreira adicional. A pesar desta situación, destaca, a Autopista do Mar de Vigo preséntase como unha alternativa forte ao transporte exclusivo por estrada para unir España e Francia, pois a súa capacidade de captar clientes non se limita só a transportistas de Vigo senón tamén do Norte de Portugal, de toda Galicia e incluso do Norte de África e das Illas Canarias, tendo como portos adicionais os de Alxeciras e Porto de Le Havre.

Financiamento público para arrancar

Para desenvolver estas vías maritimo-terrestres, comenta a titulada en ADE, e para que poidan facer fronte á forte competencia do transporte por estrada, a UE e os estados deben proporcionar axudas ás sociedades explotadoras das autopistas do mar para permitirlles ofrecer un servizo competitivo e atractivo mentres van captando clientes cos que logo poidan manterse unha vez rematado o financiamento público. As autopistas do mar, indica o estudo, poden recibir financiamento público a través de instrumentos como as axudas do estado, os Fondos de Cohesión, a Rede Transeuropea de Transportes, o programa Marco Polo II ou os fondos INTERREG e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que son debullados no traballo fin de grao de Lorena Fernández. “A existencia dun sistema de transporte competitivo e fiable tense convertido nunha variable estratéxica para a economía de calquera país ou rexión” e nesa liña, apunta por último a titulada da Universidade de Vigo, camiñan as autopistas do mar como a de Vigo.