DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle unha selección das exposicións da Sala Alterarte de Ourense durante os seus 7 anos d

Os campus de Ourense e Pontevedra irmándanse a través da arte

Trátase do primeiro proxecto conxunto levado a cabo entre os dous espazos expositivos da Universidad

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 19/12/2011

Ourense e Pontevedra unidas polo amor á arte. A sala X do campus de Pontevedra acolle unha selección das exposicións que pasaron pola Sala Alterarte de Ourense durante os seus sete anos de vida. “Esta mostra supón un irmandamento entre as dúas salas expositivas da Universidade de Vigo, amosa as mellores pezas e aspira a ser un referente singular no coleccionismo universitario galego”, explica Xosé Manuel Buxán, comisario da mostra e ex director dos dous espazos expositivos. Esta colección da Sala Alterarte convértese na primeira acción levada a cabo en colaboración entre as dúas salas de arte da institución.

Como sinala o profesor Buxán, a mostra recompila por primeira vez unha selección de obras de todos os artistas que pasaron pola Sala Alterarte, “unha iniciativa que permite ver todos os estilos xuntos por unha vez”, engade. Esta exposición ten a súa orixe na normativa que estipula que o artista convidado a Alterarte debe doar unha obra propia co fin de formar parte da colección do campus de Ourense. Como consecuencia, esta mostra reúne pezas de pintura, escultura, debuxo, fotografía, vídeos, carteis … de todos os artistas que expuxeron nos setes anos de vida da sala ourensá. “A estas obras hai que sumar as procedentes do actual proxecto Estado Crítico: 10 críticos, 10 artistas, que convida a dez recoñecidos comisarios a escoller un artista para expor en Alterarte”, engade Buxán.

O traballo de Ourense en Pontevedra

Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, sinala que esta iniciativa estreita aínda máis os lazos entre os dous campus da Universidade de Vigo, “achegando un coñecemento máis profundo e máis próximo dos traballos que se realizan tanto en Ourense como en Pontevedra”, explica. Pola súa banda, a vicerreitora do campus de Ourense, María Lameiras, salienta que é especialmente significativo que a primeira exposición da Colección Alterarte fóra de Ourense “sexa na sala do campus de Pontevedra, pois non debemos esquecer que moitos dos artistas proceden da Facultade de Belas Artes”.

As vicerreitoras do campus de Ourense e de Pontevedra destacan ademais que as salas expositivas da Universidade axudan á divulgación e á consolidación dos artistas novos, “converténdose en perfectos expositores dos proxectos realizados polo alumnado, profesorado e titulados e tituladas en Belas Artes”, apunta Blanco.

Grazas á estratexia de doazón da sala ourensá, a Colección Alterarte conta cun número importante de obras, “conseguindo reunir unha excelente selección de arte na que destacan obras iniciais de artistas actualmente xa consolidados”, apunta Lameiras. A Sala X é a primeira parada dunha exposición itinerante que, ao longo do ano que vén, fará escala por diferentes salas e cidades de Galicia.

A Colección Alterarte do campus de Ourense poderase visitar na Sala X ata o vindeiro 17 de xaneiro de 2012, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 21.00 horas.