DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jaime Cabeza e Salustiano Mato celebraron a fin dos actos electorais no campus de Vigo

Os candidatos a reitor pechan campaña amosando o seu convencemento na vitoria

Máis de 23.000 persoas están chamadas a elixir a novo reitor e aos representantes no Claustro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río DUVI 18/05/2010

O campus de Vigo foi o lugar elixido polos candidatos a reitor da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza e Salustiano Mato, para pechar a campaña electoral dos días antes da celebración da votación que determinará se Nova Universidade ou Alternativa Universitaria dirixen o destino da institución os vindeiros catro anos. Ambos candidatos coincidiron en sinalar o seu convencemento na vitoria e animaron á comunidade universitaria, en especial ao alumnado, a participar no proceso electoral que se desenvolverán o vindeiro xoves e no que tamén se elixirán os representantes do Claustro. Atrás quedan dez días de campaña nos que os candidatos a reitor percorreron escolas e facultades dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, explicando cadanseu programa e demandando o voto do PDI, do PAS e do alumnado que conforma un censo que supera as 23.000 persoas.
O reitor determínase mediante elección directa e sufraxio universal, libre e secreto, sendo o voto ponderado por sectores. Pola súa banda o Claustro estará composto por 254 membros que por primeira vez serán elixidos con criterios que fomenten a paridade de xeito que os electores e electoras só poidan votar a un máximo dun 60% de candidatos dun xénero, resultando elixidos os que obteñan maior número de votos.

Convencido do cambio

“Estou convencido de que o día 20 a última hora da tarde vai haber un cambio nesta Universidade, porque xa van moitos anos de prepotencia e moi pouca eficacia no traballo”. Con esta rotundidade expresou este mediodía o candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, o seu convencemento en que o vindeiro xoves se converterá no próximo reitor da Universidade de Vigo á fronte de Nova Universidade. Cabeza que pechou a súa campaña electoral cun acto co alumnado do campus de Vigo no Edificio Miralles e posterior festa nun local do campus, cualificou este período de “intenso”, ao tempo que acusou a Alternativa Universitaria de “tensar moi a corda e o debate”. Fronte a esta actitude Cabeza afirmou que Nova Universidade non entrou en discursos epatantes “para que se fale da Universidade por cousas das que xamais se debe falar da Universidade”, e eloxiou ao seu equipo e ao seu proxecto do que dixo “non é nada paternalista e dá resposta ás preguntas que ten toda a comunidade universitaria”. Tras unha campaña na que Cabeza asegurou que Nova Universidade só se permitiu a frivolidade de empregar unha linguaxe sms para o seu slogan (+KBZA), o candidato a reitor asegurou que nestas eleccións enfróntase dúas formacións que demandan unha viraxe total das políticas actuais, “pero unha é herdeira do pasado e outra non. Entón que a xente xulgue que copia a quen”.
Antes de acudir ás urnas Cabeza demandou á comunidade universitaria que pense que grupo é o mais transparente e o máis eficiente e cal “está traballando máis para que esta Universidade sexa máis xusta, máis equilibrada e con máis perspectivas de contactar coa sociedade”.

Máis cambio que o cambio

Neste peche de campaña, o candidato de Alternativa Universidade, Salustiano Mato coincidiu con Jaime Cabeza, “haberá un cambio o día 20, pero nós somos ese cambio, un cambio xurdido da fonda reflexión e dun cambio de metodoloxías, un cambio aconsellado polo momento no que nos atopamos, somo a alternativa de nós mesmos máis que ninguén”. Así o expresou Mato pola tarde nunha rolda de prensa de valoración da campaña electoral que caracterizou como curta e lamentou a falta de tempo para escoitar e para ser escoitados, “para retroalimentar”. O candidato de Alternativa Universitaria amosouse confiado na vitoria porque “somos mellores, un equipo potente, con máis experiencia e máis ambiciosos e seremos goberno as 24 horas para poñer a Universidade no mapa, e isto significa poñer a Vigo e a Galicia no mapa”. A pesar da falta de tempo, Mato dixo estar moi satisfeito co traballo realizado na campaña apostando por “unha mensaxe serie e unha análise profunda” e tamén coa ilusión de todo o equipo e a “alta participación en todos os nosos actos”. Con todo, lamentouse de ter máis debates, máis abertos e menos encorsetados “con máis frescura e máis naturalidade”.

Nas mans do alumnado

Nunha xornada que comezou na Facultade Filoloxía e Tradución, Jaime Cabeza reservou o seu derradeiro acto de campaña para expoñer o seu programa ao alumnado do campus de Vigo. Na sala I do Edificio Miralles, o candidato a reitor de Nova Universidade, asegurou que “sodes absolutamente decisivos no futuro da Universidade de Vigo” para afirmar a continuación que “estamos nas vosas mans e tanto eles (en referencia a Alternativa Universitaria) como nós, o formación rival á que acusou de non querer a participación do alumnado, “agás o dun sector de posgrao que eles controlan, porque sodes pouco controlables”, dixo. Ademais de afirmar que nestes últimos días se xerara a linguaxe do medo “propia dos que queren manterse a toda costa no exercicio do poder”, vertendo sobre Alternativa Universitaria falsas acusacións como a súa intención de pechar mestrados o reducir as xubilacións, Cabeza insistiu que “nesta Universidade nunca se priorizaron as políticas de estudantado”.
A empregabilidade e o fomento da participación, foron as liñas nas que o candidato de Alternativa Universitaria insistiu na súa intervención na que tamén puxo de manifesto a necesidade dunha oferta “reflexionada e completa de posgrao”. Ademais de asegurar que se acada a Reitoría, se fará un seguimento da empregabilidade e da vida profesional do alumnado, Cabeza demandou a súa participación a través da Vicerreitoría de Estudantes e Participación que porá en marcha, así como unha política de bolsas “moi proactiva” e unha ventá única de atención ao estudantado.
Unha vez finalizada a súa intervención, Cabeza acompañado de membros da súa candidatura, participou xunto a estudantes nunha festa de peche de campaña que se celebrou na cafetaría Leonardo DaVinci do campus de Vigo.

O último tren cara Europa

No seu último acto de campaña no Edificio de Ciencias Experimentais, Salustiano Mato destacou o importante momento no que se atopa a Universidade de Vigo, “un momento no que temos que coller o último tren cara Europa e de Europa cara o mundo, ou ben quedar atrás, apeados e fóra do mapa”. Mato lembrou que xusto hai 25 anos asinou o seu primeiro contrato estable na Universidade, “nese momento tomei un tren nunha viaxe para celebralo, agora invítovos a todos a volver a facelo, queredes subir comigo ao último tren?”. Nese derradeiro acto electoral, o candidato apostou por converter os problemas e os retos por oportunidade e potencialidades e referiuse en concreto a Boloña e á crise, “Con solvencia, credibilidade e experiencia somos quen de facelo”. Ante os seus compañeiros de facultade, Mato presentou as principais ideas dos nove eixos estratéxicos do seu programas facendo especial fincapé nos temas relacionados con investigación e transferencia. “En 1998 a Universidade de Vigo estaba no posto 38 do ranking de universidades española en investigación, agora somos o 12 ou 13, iso significa que non fixemos as cousas mal de todo neste tempo, pero podémolas facer mellor”. Para isto apostou por descargar aos investigadores das tarefas burocráticas, pola investigación de calidade a través de plans estratéxicos ou por ter sempre en conta a posibilidade de empregar instrumentos como os consorcios, os centros mixtos, etc para que os grupos de investigación poidan competir se non é en solitario é cooperando con outros grupos e con outras universidades. O candidato de AU defendeu tamén a necesidade de prestixiar a transferencia, dándolle espazo compencial propio nunha vicerreitoría propia e sendo pioneiro cun programa piloto que permita medir o impacto da transferencia, “temos ensaios de indicadores, podemos facelo”. No tocante ao financiamento, Mato apostou pola captación de recursos externos e para iso “temos que ser unha fábrica de proxectos singulares, colaborar cos sectores estratéxicos e cos sectores empresariais”. Amais, expresou o seu convencemento de que “hai financiamento ao que podemos optar, pero temos que competir para acadalo e se para iso temos que levar nós á Xunta da man, farémolo”

23.673 persoas chamadas a votar este xoves

913 doutores e doutoras con vinculación permanente á Universidade de Vigo (sector PDI-A); 1096 persoas que forman parte do resto do persoal docente e investigador (sector PDI-B); 20.966 estudantes (sector C) e 698 persoas que integran o persoal de administración e servizos (sector D), poderán exercer o voto o vindeiro 20 de maio para elixir ao novo reitor e aos representantes que integrarán o vindeiro Claustro da Universidade de Vigo. En total, o censo definitivo está composto por 23.673 persoas das que a maior porcentaxe corresponde ao alumnado, seguido do persoal docente e investigador, os doutores con vinculación permanente á Universidade e o persoal de administración e servizos. Respecto das eleccións celebradas hai catro anos, o censo diminuíu en 2124 persoas, un 9,29% menos, acadando entón os 26.097 persoas con dereito a voto.
O reitor determínase mediante elección directa e sufraxio universal, libre e secreto. O voto é ponderado por sectores de xeito que aos doutores e doutoras con vinculación permanente á institución correspóndelles o 51%, ao resto do persoal de docente e investigador o 9%, ao alumnado o 30% e ao persoal de administración e servizos o 10%. A ponderación farase sobre o total de votos válidos.
Pola súa banda o Claustro estará composto por 254 membros: o reitor que o preside; o secretario ou secretaria xeral e o/a xerente; 128 representantes do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade(51%); 23 representantes do resto de persoal docente e investigador (9%); 75 representantes do estudantado (30%) e 25 do persoal de administración e servizos (10%). A elección dos membros do Claustro contará desta volta cunha importante novidade coa finalidade de fomentar a paridade no máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria. Con este obxectivo a Comisión Electoral acordou o pasado mes de marzo establecer que os electores só poidan votar un número máximo de candidatos por cada xénero. En concreto cada elector poderá votar a un máximo dun 60% de candidatos dun xénero, resultando elixidos aqueles que obteñan maior número de votos.