DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Canóns do Sil e o mosteiro de Santo Estevo serán o destino da Ruta Cultural

O percorrido rematará no miradoiro Pé de Home, ao cal só se pode chegar camiñando

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 17/04/2009

Paisaxe, historia e arqueoloxía únense na Ruta Cultural desta fin de semana que ten como destino os Canóns do Sil. Esta profunda ferida na xeografía da provincia, formada polo curso dos ríos Miño e Sil, e o mosteiro de Santo Estevo serán algúns dos puntos que poderán admirar os 110 participantes inscritos para a ocasión, “o número máis elevado que tivemos ata o momento, xa que a media habitual é de 85-90 persoas”, comenta satisfeito José García-Calvo, coordinador da ruta.
Ao igual que sempre os autobuses recollerán aos participantes nos seus lugares de orixe e serán trasladados ata o pobo de Os Peares, punto de inicio da andaina de 20 quilómetros que posúe unha dificultade media-alta. A primeira parada no camiño será o mosteiro de Santo Estevo, unha das casas bieitas máis importantes da Ribeira Sacra que data, segundo os estudos, do século VI. A ruta continuará ata chegar ao miradoiro de Moura e rematará no de Pé de Home, “o máis bonito e espectacular da andaina”, afirmou García-Calvo, ao cal só se pode chegar a pé como o seu propio nome indica. Dende este punto os participantes terán que camiñar un pouco máis, aproximadamente 1,5 quilómetros, ata chegar a Cerreda onde os recollerán os autobuses para regresar aos seus destinos.

Próxima ruta

A seguinte aventura chegará o 25 de abril coa ruta do Bidueiral-Montederramo. O percorrido, de carácter circular, sairá dende este último punto, pasando por San Mamede e retornando ao lugar orixinario. A distancia da andaina é de 26 quilómetros, a máis longa das que se fixeron ata agora, e a dificultade está cualificada de media-alta. Debido a que esta saída coincide coa 2ª Ciclo-Ruta do Bidueiral, existe a opción de realizar o camiño en bicicleta de montaña. Outra das excepcións desta fin de semana será que os participantes non terán que levar a súa propia comida, xa que está incluída.

Chegando ao fin

Tan só quedan dúas andainas para que rematen as Rutas Culturais deste curso e chegando á meta hai que falar de agasallos. Para os que realizaron tres ou máis camiñadas o premio será unha camiseta, sen embargo aqueles que fixeron seis ou máis recibirán como agasallo ao seu esforzo e fidelidade “unha estancia dun fin de semana os días 16 e 17 de maio nun cámping en Allariz cos gastos totalmente pagos”, explicou García-Calvo. Ata o momento xa hai moitas persoas que recibirán o premio, pero aos aventureiros que lles falten unha ou dúas para obter este agasallo só teñen que apuntarse para as próximas andainas, a do Bidueiral-Montederramo e a de O Incio.