DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Espada, Rodríguez Vázquez, Docampo e Gago foron presentados como novos delegados

Os catro ex-reitores embárcanse na singradura do Campus do Mar

Ocuparanse da proxección social, captación de talento, campus dixital e cooperación, respectivamente

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/06/2011

Un proxecto común e cooperativo como o Campus do Mar precisa da implicación de todos os sectores e eidos da comunidade universitaria e investigadora. Boa mostra deste espírito integrador é o nomeamento dos catro ex-reitores da Universidade de Vigo como delegados no Campus do Mar, os embaixadores da institución neste proxecto de excelencia. A idea parte do Consello Reitor do proxecto co fin “de promover a participación de persoas de prestixio e talento das diferentes institucións, aproveitando a súa experiencia e bo saber e, neste caso, sendo parte da historia desta Universidade”, como explicou o reitor, Salustiano Mato.

Con este nomeamento Luis Espada, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo e Alberto Gago transforman nun cargo de responsabilidade o seu apoio ao Campus do Mar que xa viñan explicitando dende o comezo da singradura deste proxecto de excelencia.

Luis Espada, ao carón da contorna

O primeiro reitor da Universidade de Vigo, Luis Espada Recarey, terá como responsabilidade a Proxección Social do Campus do Mar na contorna, un encargo que, segundo Salustiano Mato se adapta á perfección “á capacidade de Espada e mergullarse coa contorna e coa cidadanía”. O catedrático exercerá de ponte entre o Campus e a sociedade impulsando e establecendo novas relacións de cooperación e actividades de difusión que comezarán coa creación dun club de amigos do Campus do Mar. O actual defensor do Cidadán de Vigo amosou a sobre todo “ilusión por este encargo”, ilusión polo futuro e por traballar “en dous parámetros, o de cada un de nós e o de cooperación entre todos”. Na súa intervención Espada Recarey citou a Ortega y Gasset para referirse a un futuro con ilusión, “porque sen ela non hai universidade”. Parafraseando tamén a Goethe remarcou o gran potencial do Campus do Mar, porque “o máis importante non é o que brilla, senón o que fai que brille, a substancia que move o Campus do Mar”.

J.A. Rodríguez Vázquez, na procura de novos talentos

José Antonio Rodríguez Vázquez será o encargado da captación de talento, un dos piares do proxecto, para o que desenvolverá un traballo de difusión e divulgación atraen cara ao Campus do Mar aos investigadores do futuro. Mato explicou na súa presentación que a idea é presentar o campus de excelencia “como unha oportunidade” achegándose ao estudantado de Bacharelato e FP. O novo delegado incidiu na potencialidade do mar, “a última fronteira da humanidade” que abre infinitas portas de investigación e innovación para as novas xeracións, “para aqueles mellor preparados e con mellor formación”. Enerxía, alimentación, auga e tratamento de enfermidades preséntanse como os retos a superar para que o mar sexa a fonte de benestar da humanidade e, para iso, “requírese potencial humano e unha contorna de apoio que abrangue a toda a sociedade”, explicaba Rodríguez Vázquez. O delegado para Captación de Talento Xoven adiantou que xa ten “medida listas para poñelas en marcha, que nos permitan competir cos mellores” e lembrou que entre “eses mellores” están Estados Unidos, Alemaña e Xapón, países que acubillan o 90% das patentes mundial relacionadas co eido mariño.

O Campus Dixital do Mar, baixo a batuta de Domingo Docampo

O Campus Dixital do Mar, como explicaba Salustiano Mato, dentro do entramado do modelo de gobernanza aglutina ás dez institucións promotoras (as tres universidades galegas, as cinco portuguesas e o CSIC e o IEO) xunto con axentes públicos e privados arredor da novas tecnoloxías. Á fronte do mesmo estará Domingo Docampo “coa vista posta nun norte, o Campus do Mar, que vai sinalar o rumbo para todos os profesores”, como el mesmo explicaba. Docampo referiuse ao compromiso de todos os reitores da Universidade con este proxecto dende o seu comezo “aliñando os nosos intereses cos da institución”.

O Campus Dixital do mar supón a creación dun espazo dixital que derrube fronteiras espaciais e distancias territoriais dun proxecto transfronteirizo. Baixo o seu paraugas prestaranse servizos dixitais como plataformas e-learning, e-colaboración, redes sociais educativas, tecnoloxías de vídeo sobre internet, WebTv, etc. Para todo isto Docampo insistiu na importancia de apoiarse no coñecemento e experiencia previa acumulada na propia Universidade.

Alberto Gago para a cooperación para o desenvolvemento

Por enriba da súas tarefas na cooperación internacional para o desenvolvemento, Alberto Gago salientou a importancia da imaxe, dos catro ex-reitores e do actual unidos a prol dun proxecto que “vai marcar o futuro da Universidade de Vigo nos próximos 20 anos e co que temos a posibilidade de dar un salto enorme de calidade. Para iso temos que estar todos xunto nisto”.

No tocante ao seu campo de traballo como delegado do reitor, Alberto Gago explicou que traballará estreitamente con Alberto González-Garcés no eido da internacionalización, unhas das liñas estratéxicas do Campus do Mar. A idea é crear un programa que permita transferir o coñecemento e capacidades xeradas non só á contorna, senón tamén a países en vías de desenvolvemento, axudando no seu crecemento. Entre os campos preferenciais, a xestión costeira, os recursos da pesca, as enxerías renovables como a mareomotriz ou as TIC. Para todo elo, Gago aposta pola docencia dixital, “para o que será de especial utilidade o Campus Dixital do Mar”. O profesor Gago articulará e coordinará este programa que formulará proxectos específicos de cooperación principalmente en África e América Latina, promocionará o desenvolvemento de redes de cooperación interuniversitaria, empresarial e institucional, e identificará novas fontes de financiamento, sempre en conexión cos diferentes axentes económicos implicados no Campus do Mar.

En breve, o Consello Reitor do Campus do Mar reunirase para seguir desenvolvendo a gobernanza coa constitución das comisións executivas de cada área, o terceiro nivel desta estrutura organizativa que, en nove meses de vida como Campus de Excelencia Internacional xa ten recadados 9 millóns de euros.