DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Só estarán operativos certos servizos do CACTI, CINBIO-Animalario, CIM e ATIC

Os centros, dependencias e instalacións da UVigo permanecerán pechados durante toda a Semana Santa

A actividade académica e laboral regresará aos campus o día 1 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 22/03/2024

Co gallo da celebración da Semana Santa, os centros, dependencias e instalacións da UVigo pecharán durante o período comprendido entre o 23 e o 31 de marzo, ambos os dous incluídos. Segundo se publica na instrución da Xerencia 1/2024 de 1 de marzo, pola que se regula o desenvolvemento do peche das dependencias da UVigo, os días 25, 26 e 27 de marzo terán consideración de vacacións de Semana Santa e a tal efecto “todos os centros, instalacións de dependencias da Universidade de Vigo, incluíndo os respectivos servizos, áreas e unidades de xestión permanecerán pechados”. Polo tanto, sumando estes tres días ás fins de semana e aos festivos deste período, a actividade académica e laboral regresará á institución o día 1 de abril.

Centros e áreas que manterán servizos operativos

Durante este período de vacacións de Semana Santa e atendendo a informes emitidos por persoas responsables dos centros, instalacións de dependencias, permanecerán operativos unha serie de unidades e áreas concretas, con efectivos necesarios para a prestación de servizos esencias. En concreto, a instrución recolle que no CACTI traballarán tres técnicos das unidades de Determinación Estrutural, Proteómica e Xenómica; de Microscopía Electrónica e de Nanotecnoloxía e Análise de Superficies; no CINBIO-Animalario, un técnico especialista; no CIM, un técnico da Área de Calidade Ambiental e Histoloxía e dous da Área de Cultivos Mariños; e na Área de Tecnoloxías da Información e Comunicación, ATIC (un técnico ou técnica da área de tecnoloxías da información e comunicacións de grupo I para o control e mantemento da rede corporativa e servizos dependentes; un técnico da área de tecnoloxías da información e comunicacións de grupo I para o control e mantemento do aloxamento de portal web, correo electrónico e servizos dependentes e un técnico da área de tecnoloxías da información e comunicacións de grupo III do SAUM, para a atención de incidencias que poidan xurdir dos servizos anteriores).