DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o reflicte unha tese de doutoramento

Os chans contaminados con metais pesados poden recuperarse ata nun 100%

Para logralo é necesario empregar técnicas de electrorremediación

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/05/2008
Os chans contaminados con metais pesados poden recuperarse con técnicas de electrorremediación ata nun 100%. Así o determinou a investigadora Marta Pazos na súa tese de doutoramento, unha investigación na que analiza a fondo a aplicación deste tipo de procedementos.
A remediación electrocinética ou electrorremediación é unha tecnoloxía innovadora que pode utilizarse para a remediación in situ de chans contaminados con metais, enclaves frecuentes na sociedade actual debido á forte actividade industrial. O proceso baséase na aplicación de correntes que, por diferentes procedementos, mobilizan aos contaminantes de modo que poden ser eliminados. Segundo esta investigadora, “a técnica é efectiva incluso en chans con baixa permeabilidade onde outras técnicas non resultan axeitadas, se ben é necesario un estudo detallado de cada chan e coñecer as súas características para seleccionar as condicións de traballo máis apropiadas”.

Mostras de chan procedentes de As Pontes e Narón

Para levar a cabo a investigación Pazos analizou chans reais procedentes de diferentes enclaves contaminados galegos e tamén, grazas a un proxecto de colaboración con Arxel financiado pola OTAN, puido tratarse unha mostra procedente deste país. “Analizamos o chan das proximidades dunha fábrica de baterías situado a 12 km de Arxel no que o principal contaminante era o chumbo”, comenta a investigadora.
No caso dos enclaves galegos foron elixidos por presentar un alto grado de contaminación metálica. En concreto, tratouse solo procedente do complexo mineiro eléctrico de Endesa en As Pontes e da escombreira da siderometalúrxica Megasa en Narón.
A investigación, froito de sete anos de traballo no laboratorio, incluíu tamén ensaios con compostos orgánicos. “Para realizar estes experimentos seleccionáronse diferentes colorantes de uso industrial, principalmente empregados na industria téxtil. A súa elección debeuse a que presentan unha estrutura complexa similar a moitos compostos orgánicos de gran interese como son os hidrocarburos aromáticos policíclicos”, indica a investigadora. “Este estudo serviu de base para o tratamento de chans contaminados con hidrocarburos, que é algo co que agora estamos traballando no laboratorio”, continuou.

Lexislación vixente

A pesares da evidente vulnerabilidade ecolóxica dos chans, en España careceuse dunha lexislación a nivel estatal ata a promulgación da Lei 10/98 de Residuos, que estableceu por primeira vez ,e con carácter básico, o réxime xurídico dos chans contaminados. Unha continuación desta lei está no Real Decreto 9/2005 (BOE 14 de xaneiro de 2005), polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do chan e os criterios para a declaración de chans contaminados. En consecuencia, despois da promulgación deste decreto, a posible contaminación do chan e o risco que conleva deberá ser avaliado en cada un dos emprazamentos.