DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O I Coloquio Internacional 'Estudos literarios en Vigo' celébrase na Facultade de Filoloxía e Traduc

Os comezos e a experiencia: un diálogo interxeracional entre investigadores en literatura

Estudantes de doutoramento amosan os froitos dun ano de traballo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Ana Caíño DUVI 13/11/2014

Durante dous días a facultade de Filoloxía e Tradución acolle o I Coloquio de Estudos Literarios en Vigo, organizado polo programa de doutoramento interuniversitario en Estudos Literarios co obxectivo de ofrecer un foro ao alumnado matriculado para que dea a coñecer os avances das súas investigacións en curso. “A idea xurdiu a raíz da implantación dos novos programas de doutoramento, co fin de facilitar as actividades académicas que ten que facer o alumnado”, explica o coordinador do programa de doutoramento en Estudos Literarios, o profesor Antonio Chas Aguión.

Neste encontro os estudantes non só darán a coñecer o estado das súas investigacións, senón que ademais, como salienta o profesor Antonio Chas, “teñen a oportunidade de dialogar con expertos de recoñecido prestixio internacional en cada unha das dúas liñas de investigación do noso programa”. Estas dúas vertentes de investigación correspóndense por unha banda, con literaturas e culturas galega e portuguesa, e literatura medieval, e, por outra banda, con literaturas en lingua española e literatura comparada.

O acto de inauguración do foro celebrado esta mañá contou coa presenza do director da Escola Internacional de Doutoramento, Antonio García Pino, coa decana da facultade, Rosa Pérez e co profesor Antonio Chas. Precisamente, García Pino puxo en valor a importancia dos doutorandos e doutorandas na vida universitaria, pois “estimulan cos seus traballos distintas liñas de investigación que, doutro xeito, ficarían alleas a novos avances”.

Un percorrido pola historia da literatura en dous días

O estudantado do programa de doutoramento, compartido en Vigo e A Coruña, abordará este xoves e maña venres, cuestións relativas ao teatro, narrativa e poesía das distintas épocas da literatura galega, española e portuguesa e tamén analizará as relacións interartísticas entre literatura, música e pintura. A súa participación neste foro daralles tamén a oportunidade de cumprir con outro dos requisitos da súa formación de doutoramento, o da publicación científica, xa que, como explica Chas Aguión, “un comité de expertos internacional seleccionará, dacordo co sistema peer review, os traballos que, tras as revisións pertinentes, serán publicados”.

No marco deste coloquio están previstas dúas conferencias impartidas por docentes chegados de fóra de España, que inauguran e clausuran este coloquio. “Consideramos que pola súa dilatada experiencia na dirección de grupos e proxectos de investigación, o seu consello podería servirlle de estímulo aos nosos doutorandos”, sinala Antonio Chas. O encargado de impartir a conferencia de apertura foi o profesor da Universitá degli Studi di Pavia, Giuseppe Mazzochi, que quixo ver desde a distancia a súa tese de doutoramento para considerar os seus puntos de forza e as súas fraxilidades, tanto desde o punto de vsita da súa traxectoria persoal como investigador, como desde o da evolución das ciencias filolóxicas. Pola súa banda a profesora Ria Lemaire, da Université de Poitiers, clausurará o venres este coloquio cunha conferencia na que abordará o comparatismo como unha nova estratexia de lectura crítica.

Coa ollada posta no alumnado de primeiro ano, están previstas dúas conferencias, impartidas polos docentes e investigadores Manuel A. Candelas, da Universidade de Vigo, e Carme Fernández, da Universidade de A Coruña, sobre as liñas de investigación do programa de doutoramento. Deste xeito, estes estudantes poderán coñecer de primeira man en que e como traballan os seus compañeiros e compañeiras de segundo ano de Vigo e A Coruña. Ao mesmo tempo estas xornadas pretenden ser un estímulo para eles xa que descubrirán en que liñas de investigación poden empezar a traballar.

Antonio Chas salienta a excelente acollida deste coloquio non só entre o alumnado matriculado no programa, senón tamén entre os e as estudantes da facultade, “a petición do alumnado de grao e mestrado, abrimos a inscrición a todo o estudantado da Universidade que poderá convalidar esta actividade por 1 crédito ECTS."