DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As 'I Xornadas do Estudantado Galego' comezan abordando a historia de Erga

Os Comités afondan na orixe do movemento estudantil

Lingua, feminismo e nacionalismo, algúns dos temas a tratar

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 21/02/2011
Cando se fala da mocidade en base a tópicos fálase dela como dunha mocidade acomodada e despreocupada. Pero os tópicos son tópicos e para amosar que non toda a xuventude se corresponde a este estereotipo, desde este luns os Comités celebran no campus de Ourense as I Xornadas do Estudantado Galego. Cun repaso pola historia do movemento estudantil, comezaron seis días de análise e debate sobre cuestións que preocupan ao alumnado universitario, como a cultura, a lingua, o feminismo ou o nacionalismo.

María Lameiras, vicerreitora do campus, explicou aos estudantes presentes na inauguración das xornadas a importancia de que “visibilicedes a vosa posición activa na sociedade, que deixedes patente que queredes transformar a realidade, que non sodes unha xeración apática instalada na sociedade do benestar”. Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade, levou esta actitude ao campo concreto da lingua, salientando que “a nosa tradición culta é resistir” e reivindicando o cumprimento da lexislación nesta materia.

Unir e organizar

As xornadas que comezaron este luns en Ourense prolongaranse durante os días 22, 23 e 28 de febreiro e os días 1 e 2 de marzo no Edificio Xuridico- Empresarial. O responsable dos Comités do campus ourensán, Iago Gómez, explica que para esta xornada escolleuse o lema Unir e Organizar, Organizar e Loitar, Loitar e Vencer. Este era o lema de Erga, xermolo dos antigos CAF e dos actuais Comités. Precisamente para dar conta destas orixes, as xornadas comezaron cunha intervención de Duarte Correa, docente que participou activamente na historia de Erga, nada en 1972.

Correa salientou que Erga, Estudantes Revolucionarios Galegos, foi “a nai do movemento estudantil e da representación que hoxe ten o alumnado nos diferentes campus universitarios e centros de ensino medio”. Cando naceron, explica o profesor, fixérono coa finalidade de acadar “voz, voto e participación” para os estudantes na vida universitaria e conseguir así “un ensino científico, democrático e nacional”. Deste xeito, apunta, querían rematar cunha situación na que se consideraba que o alumno ía á universidade só a coller apuntes dun profesor que os ditaba.

Ademais desta participación, Correa salienta que unha das liñas que máis traballaron nos primeiros anos do movemento estudantil foi a de “facer consciente ao estudantado de que non vivían nunha burbulla senón nunha sociedade cos seus problemas e necesidades dos que tiñan que participar”.

“Estou moi orgulloso de toda aquela xente que naquel momento de transición e nos oitenta consideraron que facer política non era negativo e loitaron por iso” salienta este histórico do movemento estudantil galego. En contraposición a isto, denuncia que hoxe en día se está estigmatizando a participación política, considerando que se alguén participa nela é por intereses persoais ou económicos. Unha situación que leva a Correa a preguntarse por que cando as comunidades se organizan, como no caso de Exipto, vese positivamente, mentres que, cando o fan en sociedades como a nosa, vese negativamente.

Amplo programa

As xornadas continuarán este martes abordando cuestión relacionadas co feminismo e a muller da man de Pilar García Negro, Teresa Devesa, Marta Arribas e Alba Feixoo. O programa desta semana completarase o mércores cunha xornada dedicada á cuestión lingüística. Nela, Susana García e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, falarán sobre O Xenocidio Lingüístico e Xosé Rodríguez e Iván Area sobre O Dereito á Ignorancia. As xornadas continuarán os días 1 e 2 de marzo centradas en temas relacionados coa cultura galega e o nacionalismo.