DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizaron actos en Vigo e Ourense

Os Comités implícanse na xornada de loita contra a transformación do CAP en mestrado

Centran as súas protestas na redución de prazas e na maior duración e custo

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío / N. V. Vilanova DUVI 06/05/2009

“Unha xornada de loita”, “un día para a protesta”, “unha chamada de atención”... foron algunhas das frases que máis se escoitaron nas concentracións de estudantes que tiveron lugar esta mañá en protesta pola transformación do Curso de Aptitude Pedagóxica no Mestrado de Educación Secundaria.
A protesta, realizada ao abeiro dunha Xornada Nacional de Loita, tiña como principal obxectivo informar ao estudantado sobre as características do novo mestrado, xa que, segundo Comités, sindicato de estudantes convocante, o novo mestrado constitúe “un elemento excluínte, segregacionista e elitista que vai limitar a posibilidade dos estudantes de encamiñar o seu futuro laboral cara a docencia”.
A perda de prazas é para Iago Varela, responsable en Vigo do sindicato, “un dos nosos principais cabalos de batalla, xa que ata agora ofrecíanse 600 por universidade e co mestrado limítanse a 200, o que supón unha redución nun terzo das prazas”.
Xunto a esta diminución de prazas, as protestas diríxense tamén á maior duración dos estudos, que pasan de seis meses a un ano, e o maior custo da matrícula xa que o prezo dos créditos no posgrao é superior que nos graos e, segundo sinalan, “a estimación da Consellería de Educación é que o prezo estará entre 1150 e 1700 euros” e, ademais, “a oferta de bolsas para cursar posgraos é irrisoria”. Ante esta situación, o voceiro dos Comités no campus de Vigo, destacou tamén a desaparición do modelo non presencial, “o que imposibilita compatibilizar os estudos co traballo”.
Os itinerarios que se establecen co novo modelo foron tamén obxecto da protesta, xa que “non se adaptan as áreas de coñecemento e mesturan, por exemplo, a filoloxía galega coa castelá”.
Doutra banda, os comités sinalaron tamén as elevadas dificultades para garantir as prácticas no novo mestrado e a imposibilidade de cursalo en todos os campus galegos.
A alternativa proposta polos Comités aséntase na inclusión do actual CAP nos planos de estudo de todas as titulacións “aproveitando que se están reformando os plans de estudo para os novos graos”. Converteríase, segundo a súa visión, “nunha especialización dentro da titulación, evitando así os prezo altos dos posgraos”.

Vigo

No campus de Vigo as protestas centráronse na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde un grupo de trece estudantes estiveron repartindo panfletos informativos. Cunha pancarta despregada na entrada da facultade co lema da xornadas, Q non T CAPen co Mestrado, + Tempo estudando, - prazas e +caro, “informamos aos nosos compañeiros dunha situación da que consideramos teñen que estar ao día”, establecía Varela.
“Eliximos este centro porque consideramos que é o que ten mais titulacións que se poden ver afectadas, pero iremos tamén á Praza Miralles porque este tema aféctanos a todos”, salienta Varela.

Ourense

No campus de Ourense a xornada tivo tamén un marcado carácter reivindicativo. O reloxo marcaba as 12 do mediodía cando membros dos Comités ataviados con bandeiras, pancartas e cazarolas irromperon nas aulas do Edificio de Ferro animando aos estudantes a sumarse á protesta aos berros de “non nos mires, únete” e repartindo folletos coas súas peticións. Tras baleirar as aulas, iniciaron unha sentada na parte dianteira da facultade, onde, durante uns minutos, amosaron pacificamente a súa desconformidade co novo mestrado.
Segundo comentou o responsable dos Comités en Ourense, Iago Gómez, “esta reforma é elitista e limita a orientación cara a docencia para moitas persoas que non poden pagar o custo do mestrado”. Entre as súas reivindicacións destaca a petición de que se paralice o proceso e que esta formación “poida adquirirse a prezos públicos e en todos os campus”.