DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Comités inician unha nova campaña en defensa do galego

Inclúe o reparto masivo de trípticos e un concerto de rock acústico

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 05/11/2009
Coa defensa do idioma galego coma unha das súas principais sinais de identidade, a organización estudantil Comités acaba de pór en marcha unha nova campaña coa que, baixo o lema Na defensa do galego, nin un paso atrás, tentarán dar un paso máis adíante na normalización do uso do idioma no ámbito universitario.
Cunha parte informativa, outra institucional e outra festiva, a nova campaña inclúe un reparto “masivo” de dípticos en defensa do seu posicionamento entre o estudantado das diferentes facultades e escolas do campus vigués. “En total seremos sobre 25 persoas repartindo a información e explicándolle aos compañeiros o por que da campaña”, sinalou Iago Varela, responsable dos Comités en Vigo.
“Maila que os diferentes estudos sociolingüísticos realizados no sistema universitario de Galicia revelan que un 35% do estudantado usa sempre o galego na súa vida cotiá, a porcentaxe de aulas na nosa lingua non supera o 18,7% nas universidades galegas”, sinalou Varela, quen xa estivo ao fronte o curso pasado das xornadas Dálle á lingua, xeiras sobre a lingua galega, unhas xornadas coas que se promoveu a reflexión e análise sobre a situación actual da lingua galega e se defendeu o seu emprego como idioma oficial de Galicia.

Coa mirada posta no Consello de Goberno

No ámbito máis institucional, os representantes dos Comités en Consello de Goberno solicitarán a inclusión dun punto na orde do día da vindeira sesión deste organismo co fin de aprobar unha serie de acordos en materia lingüística. “O que queremos conseguir é que calquera estudante saiba antes de matricularse nunha materia en que idioma se lle vai impartir”, explica Varela, ao tempo que lembra que o estudante tamén ten dereito a recibir os exames en galego, “sen prexuízo de podelos solicitar na outra lingua cooficial”. Na mesma liña, sinalan tamén a importancia de que nos novos graos se oferte cando menos a metade das materias troncais e obrigatorias en galego.

Un concerto de rock porá a nota festiva á campaña

E, “como non todo ten que ser serio”, tal como comentaba Varela, os Comités poñen a nota festiva coa organización dun Concerto pola lingua a cargo dun concerto do grupo de rock acústico Ataque Escampe. Será o vindeiro xoves 12 ás 18.30 horas no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. “Será unha boa oportunidade para que os estudantes descubran boa música e tamén para relacionarnos de xeito máis alegre”, comentou o representante dos Comités en Vigo.