DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Comités protestan pola supresión de autobuses ao campus

Aínda que as clases remataron hai varias semanas, a empresa eliminou dúas liñas antes de acabar o pe

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 07/06/2013

Os responsables dos Comités do campus de Vigo chamaron a atención esta mañá sobre a situación na que se atopa o servizo de transporte público que conecta o campus coa cidade, coa supresión desde o pasado 16 de maio das lanzadeiras directas. Segundo os representantes dos alumnos e alumnas a eliminación das liñas U1 e U2 deixa aos estudantes totalmente incomunicados, xa que aínda que hai semanas que remataron as clases segue habendo exames e son moitos os rapaces e rapazas que empregan as bibliotecas do campus para preparalos.

Durante os meses de xuño e xullo, período aínda lectivo, os estudantes que queren subir ao campus empregando o transporte público deben utilizar as liñas habituais de Vitrasa o que, segundo os Comités, implica numerosas paradas e multiplica o tempo necesario para os desprazamentos. Os representantes dos alumnos e alumnas reclaman a continuidade das lanzadeiras ata que rematen os exames, así como unha mellora na xestión do transporte público, un dos aspectos “peor valorados” polos estudantes nas enquisas.

Protesta formal

Para completar esta acción, enmarcada na campaña Que non nos deixen en terra! Por unha comunicación decente entre Vigo e o CUVI, os Comités presentaron unha queixa formal en Vitrasa para pedirlles que restauren as liñas, polo menos na cantidade e frecuencia coa que funcionaban ata o de agora. Ademais, animan a todos os afectados a protestar ante a empresa concesionaria ao Servizo de Atención a través da web indicando como usuario a necesidade de reanudar as conexións habituais co campus.