DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Piden que se incremente o orzamento universitario ata representar o 1,5% do PIB galego

Os Comités reclaman duplicar o investimento en educación

Convocan unha manifestación en defensa do ensino público para o día 29 de febreiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 14/02/2012

A educación é un dos sectores que está a ver reducidos os seus orzamentos polos recortes económicos derivados da crise. Contra esta situación, a organización estudantil do campus de Ourense Comités desenvolven unha campaña informativa para facer consciente á comunidade universitaria das consecuencias destes recortes e da importancia de investir en ensino. A súa reivindicación é que o orzamento en educación obrigatoria ascenda ao 7% do PIB galego e ao 1,5% do PIB no caso da educación universitaria, unha cifra que case duplica a actual.

Diego Lourenzo, responsable dos Comités no campus ourensán, presentou este martes en rolda de prensa as reivindicacións do seu colectivo, reivindicacións que culminarán o día 29 de febreiro coa celebración dunha manifestación, ás 18.30 horas, fronte á subdelegación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na cidade das Burgas. “Contra os recortes que se están producindo nos dous últimos anos, e especialmente agora, non temos outra opción que mobilizarnos, é a nosa única ferramenta para contestar a esas medidas que consideramos moi negativas para o sistema educativo ”, explica Lourenzo.

Como portavoz da organización con máis representación entre o estudantado, Diego Lourenzo advirte que “o ensino público debe ser prioritario para calquera goberno”. Neste senso, explica, sería necesario que as porcentaxes de investimento en educación en Galicia se asemellaran ás europeas, dedicando o 7% do PIB galego ao ensino obrigatorio e o 1,5% ao universitario. Este último, destaca, na actualidade sitúase nun 0,67% do PIB, arredor da metade. Ademais, os Comités apuntan entre as súas reclamacións que sería necesario elaborar unha lei educativa galega que, entre outras cuestións, “puxese freo ao aumento do investimento en centros concertados e privados”.

As consecuencias dos recortes

A conxelación das prazas de profesorado, a paralización de proxectos educativos que se estaban desenvolvendo con éxito ou o descenso de recursos para a atención de alumnado con necesidades especiais son outras das situacións que segundo os Comités se están producindo como consecuencia dos recortes económicos. No caso concreto do ensino universitario, Lourenzo engade ademais que a principios do curso 2011/2012 se produciu un incremento das taxas universitarias dun 3,5% con respecto ao ano anterior.

Despois de organizar mesas informativas ao longo do primeiro cuadrimestre nos edificios do campus de Ourense e de repartir material informativo, os Comités consideran agora chegado o momento de mobilizarse na rúa contra os recortes no ensino público coa celebración dunha concentración na que agardan contar co apoio doutras organizacións estudantís universitarias e doutras entidades como o sindicato CIG.