DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último documento de análise da Rede Localis

Os concellos pequenos destinan 426 euros por habitante a servizos públicos básicos

O Foro Económico de Galicia celebra este xoves unha xornada centrada no sector cárnico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 07/06/2023

O Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, fixo público este mércores un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, destaca que os concellos pequenos destinan 426 euros por persoa a servizos públicos básicos, cifra moi similar á dos grandes municipios.

O documento é a nota 24 deste Observatorio Municipal Galego e está elaborada por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e codirector da Rede Localis, unha das actividades da Cátedra do Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, nos servizos públicos básicos (seguridade e mobilidade cidadá, vivenda, urbanismo, benestar comunitario e medio ambiente) “os concellos de ata 5000 habitantes destinan 426 euros per cápita, unha cifra moi similar aos 455 euros dos municipios entre 50.000 e 100.000 habitantes, que prestan moitos máis servizos”. Polo seu menor desenvolvemento económico, engade a nota, os municipios con menor poboación destinan 142 euros a actuacións de carácter económico, case o 12% do seu orzamento fronte a pouco máis do 8% de media. Para os gastos de funcionamento do concello, os de menos de 5.000 habitantes destinan 247 euros per cápita, fronte aos 166 euros de media.

Heteroxeneidade do gasto

“Estes datos dan conta dunha importante heteroxeneidade do gasto en función do número de habitantes do concello. Os concellos con menos poboación deben realizar un esforzo maior que aqueles con máis habitantes”, recóllese na nota. A análise dos orzamentos municipais a partir da clasificación funcional permite sinalar, segundo indican desde a Rede Localis, a orientación das políticas de gasto municipal, e á vez, coñecer as prioridades funcionais dos concellos. “Este tipo de preferencias de gasto pode condicionar o benestar dos administrados”, advirten. Froito da análise realizada apuntan desde a entidade que os concellos de ata 5000 habitantes teñen que dedicar unha parte maior dos seus orzamentos ao pago dos intereses da débeda pública. Ademais, engaden, “vense obrigados a destinar moitos máis fondos por habitante a servizos públicos básicos en termos absolutos que outros municipios con máis poboación, aínda que o seu peso relativo no total do seu orzamento é menor que aqueles entre 50.000 e 100.000 habitantes”.

A medida que aumenta o número de habitantes dos concellos, a importancia relativa do gasto en actuacións de protección e promoción social vaise reducindo, posto que o custo por habitante dos servizos resulta menor, segundo se recolle no documento de Rede Localis. En canto á produción de bens públicos de carácter preferente, engádese na nota que os concellos de menos de 5000 habitantes destinan unha cantidade relativamente menor a esta área de gasto. “Ao mesmo tempo, a medida que aumenta o número de habitantes do concello, a relevancia per cápita do gasto en actuacións de carácter económico tamén se reduce, en boa medida polas maiores necesidades dos municipios con menor poboación e pola maior repartición per cápita nos que teñen máis habitantes”, comentan. Pola contra, “a medida que aumenta o número de habitantes, o peso das actuacións de carácter xeral é menor, debido á existencia de economías de escala neste tipo de servizos”.

Todos estes resultados, subliñan desde a Rede Localis, deben pórse en consideración coa prestación obrigatoria (ou non) de certos servizos públicos. “Hai algúns que deben prestarse sempre con independencia do número de residentes. Por outra banda, a medida que aumenta o tamaño poboacional increméntase o número de servizos. Ao mesmo tempo, é habitual que aumente non só o número senón tamén a calidade do servizo a medida que se incrementa a poboación, xa que os recursos cos que conta o concello, é de esperar que sexan maiores”, apuntan. Este resultado é consecuencia, detallan, de maior capacidade fiscal dos concellos a medida que aumenta a poboación (aumento das bases tributarias, tanto en número como en función da renda da poboación) como tamén en base á participación nos ingresos doutras administracións públicas.

Con respecto á media estatal, na nota indícase que “os concellos galegos destinan moito menos ao pago da débeda, as diferenzas non son excesivamente relevantes salvo algúns casos nas dotacións para servizos públicos básicos, o mesmo que para actuacións de protección e promoción social”. Os resultados obtidos, comentan, “deben facernos reflexionar sobre o tamaño da planta local e aquelas actuacións que en boa medida poden mellorar o uso dos recursos públicos garantindo a máxima cobertura e eficiencia”. Entre outras, desde Rede Localis sinalan que “pódense citar as fusións de municipios, creación de mancomunidades municipais, prestación conxunta de servizos a través de consorcios, áreas metropolitanas ou colaboración máis activa coas deputacións provinciais”.

Reunión do Foro Económico de Galicia

Mañá xoves o Foro Económico de Galicia, xestionado tamén polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, organiza a VII Reunión Casal de Arman, centrada no sector cárnico en Galicia. Nela abordarase a estratexia de dinamización deste sector para 2022-2030, os seus retos e perspectivas, contando coa participación do representantes do sector e especialistas.