DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pablo Raúl Bonorino dirixe un proxecto con financiamento estatal sobre esta cuestión

De como os conflitos entre dereitos inflúen na produción das normas

No estudo analizaranse estes procesos en relación a temas como a igualdade e o cambio climático

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 03/03/2017

A medida que as sociedades evolucionan as normas xurídicas tamén se ven na obriga de facelo para ir dando resposta ás novas esixencias que se lle presentan. Un proxecto de investigación, con financiamento estatal e participación internacional, dirixido por Pablo Raúl Bonorino, profesor da Facultade de Dereito do campus de Ourense, analizará como están influíndo os conflitos de dereitos no proceso de construción de novas normas xurídicas xerais. Durante o seu desenvolvemento, afondarase nas friccións que xera no dereito desafíos como o tratamento da igualdade de xénero, do cambio climático, da prostitución ou da experimentación médica con persoas.

O proxecto, titulado Conflitos de dereitos e produción normativa, está financiado pola convocatoria Retos da Sociedade 2016 do Ministerio de Economía e Competitividade. Pablo Raúl Bonorino é o investigador principal do estudo, no que tamén participan investigadores estatais e internacionais como María Concepción Gimeno, Guillermo Suárez, Joaquín Rodríguez-Toubes, Manuel Segura, Sonia Esperanza Rodríguez, Mario Alberto Portela, Thomas da Rosa de Bustamante e Joao da Cruz Gonçalves Neto. A este equipo, xa consolidado pola súa participación en anteriores proxectos estatais, únese nesta ocasión Martín Bohmer, profesor da Universidade de Bos Aires e “recoñecido especialista en teoría do dereito que ten importantes traballos no campo da fundamentación filosófica dos dereitos humanos”, segundo sinala o coordinador da iniciativa.

Catro eixes de interese

Durante os tres anos nos que se desenvolverá o Proxecto Pronorm, desde 2016 a 2019, explican os seus responsables, traballarase na análise de diversos casos nos que se producen conflitos de dereitos no proceso de construción de novas normas xurídicas xerais. Concretamente afondarase en catro casos, relacionados con igualdade de xénero, cambio climático, mercantilización de ámbitos que estaban fóra do mercado e castigo. No primeiro deles, apunta Pablo Raúl Bonorino, estudarase “o que está ocorrendo na actualidade cando se pretende trasladar os principios xerais dos que se derivan os chamados dereitos das mulleres aos ámbitos locais a través da sanción de normas xurídicas xerais que deben integrarse en ordenamentos xa existentes e aplicarse en prácticas cun arraigado machismo cultural”.

En parte relacionado co anterior caso, o proxecto tamén afondará nas consecuencias de vivir “nunha sociedade de mercado na que os valores mercantís parecen rexer todas as actividades humanas”. “A expansión dos mercados a esferas anteriormente reguladas por outros valores e outras regras non mercantís fai que eses valores se vexan desprazados e moitos dereitos asentados noutros principios colisionen coas novas propostas de creación normativa”, comenta Pablo Raúl Bonorino. Esta situación, apunta o docente, dá lugar a un conflito de dereitos de gran magnitude. Concretamente no Proxecto Pronorm, apunta o docente da Universidade de Vigo, abordarase a regulación da prostitución e a regulación do uso de seres humanos na experimentación médica.

Durante a investigación tamén se analizará a relación entre dereitos humanos e cambio climático e como o conflito entre dereitos neste eido está dando lugar "a unha reconsideración dos principios que rexen o dereito ambiental e a variadas propostas de lexislación para abordar as súas consecuencias". Por último, o proxecto tamén contempla abordar os conflitos de dereitos no desenvolvemento histórico que levou á implantación do actual sistema estatal de castigos penais. Nas actuais discusións sobre a xustificación moral do castigo, comenta o coordinador do proxecto, pódense apreciar os conflitos de dereitos a partir da adopción de distintos principios de moralidade política que historicamente teñen dado lugar á elaboración da maior parte das normas que teñen rexido o castigo".