DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas arrancarán o mércores en Citexvi e prolongaranse ata o venres

Os Consellos Sociais das Universidades Españolas celebrarán esta semana en Vigo 40 anos de historia

Prestarase especial atención aos novos retos e obxectivos que propicia a entrada en vigor da LOSU

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/04/2023

Os Consellos Sociais das Universidades Españolas celebrarán esta semana en Vigo e Santiago de Compostela 40 anos de historia. Farano coa celebración das súas xornadas anuais, un encontro que arranca este mércores pola tarde na sede da Cidade Tecnolóxica de Vigo, Citexvi, e no que se aproveitará non só para botar unha ollada ao papel xogado por este órgano ao longo de todos estes anos, senón tamén para analizar os novos retos e obxectivos que propicia a entrada en vigor da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario, LOSU.

“As xornadas coinciden nesta ocasión con dúas circunstancias determinantes para os Consellos Sociais das Universidades Españolas. Cúmprense 40 anos desde a súa creación pola LRU e, xusto durante a celebración deste encontro entrará en vigor a LOSU”, subliñan desde o Consello Social da Universidade de Vigo, organizadores do evento xunto cos consellos sociais das universidades da Coruña e Santiago de Compostela e a Conferencia de Consejos Sociales. “Son dous feitos excepcionais que quixemos abordar no programa, outorgándolle unha presenza destacada con intervencións e análises expresamente dirixidos a posibilitar unha mirada vertical sobre ambas cuestións”, recalcan desde a organización, remarcando así a importancia de analizar o efecto de catro décadas de existencia e as perspectivas que se presentan para o futuro máis inminente, de cara a buscar mecanismos que impulsen o exercicio activo das funcións que debe exercer a sociedade na universidade no  seu camiño cara a excelencia. “Achéganse tempos moi importantes para a misión dos Consellos Sociais”, recalcan desde o Consello Social da UVigo.

Benvida e asemblea xeral o mércores pola tarde

Cunha participación de entre 60 e 70 persoas, maioritariamente presidentes e secretarios dos consellos sociais, o programa arrancará o mércores ás 16.45 horas cun saúdo de benvida no que se contará coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que estará acompañado polos tres presidentes dos consellos sociais das universidades galegas: Ernesto Pedrosa, da Universidade de Vigo; Cecilia Sierra, da de Santiago de Compostela, e Antonio Abril, presidente do Consello Social da Universidade da Coruña e da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas.

Tras a benvida terá lugar unha visita ás propias instalación de Citexvi e, xa a continuación, celebrarase a asemblea xeral dos consellos sociais. O programa achegará, por unha banda, unha mirada retrospectiva ao pasado para ver a contribución dos consellos sociais ao coñecemento, desenvolvemento e difusión do saber a través do Camiño de Santiago e, polo outra, fará tamén unha incursión no porvir que está convocando xa ás universidades no contexto global de Europa, “ou sexa, a configuración das universidades do futuro para seguir fortalecendo a construción da Unión Europea”. Para cada unha destas temáticas trataron de atopar as persoas máis axeitadas e coñecedoras nos seus respectivos campos, subliñando o feito de que se trata de “construír mensaxes, reflexións, prospectivas e tendencias”.

Ollada propia sobre os escenarios de futuro para as universidades

As e os participantes trasladaranse o xoves á cidade de Santiago de Compostela, onde terá lugar a inauguración oficial da xuntanza, na que se contará coa intervención do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Será ás 13.30 horas na Cidade de Cultura e, xa pola tarde, continuaranse coas actividades no Pazo de Fonseca, onde, entre outros, se presentará un estudo realizado polos profesores do Departamento de Organización de Empresas e Marketing da Universidade de Vigo Andrés Mazaira e Isabel Diéguez, no que se trata de pór cifras ao valor das universidades.

O venres as sesións regresarán de novo a Vigo, neste caso á sede de Afundación. Contarase, entre outros, coa participación do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; Francisco Michavila, patrono da Institución Libre Enseñanza e reitor honorario da UJI de Castellón, ou Helena Nazaré, presidenta do Consello Coordinador do Ensino Superior de Portugal. Participará tamén nesta sesión o secretario do Consello Social da Universidade de Vigo Ignacio Rodríguez, que presentará un estudo sobre os 40 anos de Consellos Sociais.

Pechará  a xuntanza o presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, Antonio Abril, cunha intervención na que afondará nos escenarios de futuro que se propoñen desde os consellos sociais para as universidades españolas.