DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os nenos e nenas da Escola Infantil gozan durante dous días do teatro de marionetas

Os contos cobran vida detrás dunha cortina

Con esta actividade clausurase un mes dedicado ao mundo dos libros no centro do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 30/05/2014

Sorpresa e interese é o que suscitou nos nenos e nenas da Escola Infantil do campus ver aparecer a través dunha cortina a galos, cabras ou coellos, dispostos a relatarlles dun xeito totalmente distinto algúns dos contos que centraron a actividade do centro nas últimas semanas. Como peche a un mes dedicado a todo aquilo que rodea aos libros, o centro acolleu nas xornadas de xoves e venres dúas sesións de teatro de marionetas, nas que un grupo de alumnas que realizan practicas na escola deron vida as principais personaxes dunhas historias que os cativos recibiron con curiosidade e moita atención.

Buscando en todo momento a interacción cos máis novos, aos que as marionetas animaban a cantar e lles pedían consello para pór solución aos seus problemas, os nenos e nenas puideron gozar cada día de dúas breves representacións de contos como O coelliño branco, nos que os animais que viran sobre o papel do libro cobraban vida en forma de marionetas de todo tipo. “Son historias que previamente lles contamos na clase”, explica a directora Ángeles Rodríguez, a directora da Escola Infantil do campus, que recoñece tamén que os cativos “encántanlles as marionetas”.

A responsabilidade de poñerse detrás da cortiña para pór voz a toda esta serie de animais correspondeu a Reyes Iglesias, Jennifer Baños, María Serrano e Tamara Portela, catro estudantes do ciclo superior de técnico en Educación Infantil no CIFP A Xunqueira, ás que con motivo do remate da súa experiencia formativa no campus se lles convidou a encargarse destas mañás de teatro. Elas mesmas se responsabilizaron de dar forma a boa parte das marionetas protagonistas dunha experiencia que definen como moi positiva e que conseguiu como poucas outras captar a atención dos cativos. “Quédanse moi sorprendidos cando vén saír ás marionetas”, salienta Iglesias, que tamén recoñece que na primeira xornada desta actividade máis de un e máis de unha optou “por levantarse para ver que era o que había detrás da cortina”.

Un mes dedicados aos contos

Como explica a directora da Escola Infantil, esta actividade serviu para despedir na escola un mes dedicado ao mundo dos contos, “no que tratamos de achegar os libros aos nenos de diferentes formas”. Deste xeito, a posta en escena de diferentes historias tivo como complemento outra serie de actividades, como obradoiros nos que se animaba aos nenos e nenas a manipular o papel. Por outra banda, ao longo das últimas semanas, o centro tamén contou coa visita de nais e pais, aos que se convidou a acudir ao centro a lerlles un conto aos nenos e nenas. Agora, a escola infantil prepárase xa para cambiar de unidade temática e dedicar as próximas semanas a introducir aos máis cativos no mundo dos animais.