DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os contos infantís e a música toman o campus no mes de xullo

O curso "Vivir do conto'09" reflexionará sobre estas pezas como ferramentas docentes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 24/06/2009

Fadas e bruxas, princesas e ras, animais que falan, tesouros agochados, cativos que viven experiencias literalmente fantásticas e a imaxinación como único límite. Os contos son historias curtas, moi sinxelas na súa estrutura e que en moitos casos teñen chegado a nós a través da oralidade. Pero ademais de grandes historias, agochan un amplo abano de posibilidades para os docentes que agora poderán descubrir grazas ao curso Vivir do conto’09 que se presenta como “unha aproximación á docencia e unha reflexión das posibilidades de comunicación dos contos, lendas e outras narracións escritas e orais”, explica a directora do curso, María Jesús Herrera. Na súa cuarta edición o curso xa ten cubertas as 60 prazas que se ofertaban.
Investigar as posibilidades educativas da literatura infantil, dotar de ferramentas para crear materiais a partir dos contos e incluso crear soportes sonoros e musicais a partir de deles ou ser quen de elaboralos a partir de situacións da vida cotiá serán algunhas da habilidades que desenvolverán aqueles que participen neste curso, que se celebrará os vindeiros 1, 2 e 3 de xullo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Dado o carácter aberto e complementario dos cursos da programación de verán, colectivos como os mestres, especialmente aqueles de Educación Musical, pero tamén profesionais doutras áreas como as Belas Artes, as Ciencias Sociais ou incluso Enfermaría (con interese na musicoterapia) poden quitar moito rendemento a este seminario. Ademais, segundo explica Herrera, “faremos moito traballo de grupo e o feito de haxa xente de diferentes procedencias enriquece moito”.

Novos materiais

O curso celebra a súa cuarta edición e mantén o seu bloque xeral de contidos e incluso os tres docentes repiten con respecto ao pasado. Sen embargo, cada ano os materiais son novos. Pedro Espí-Sanchís introducirá nas súas intervencións ao longo dos tres días que dura o curso as lendas e a literatura africana e deixará boa mostra da súa creatividade musical. “É capaz de coller un tubo de construción, perforalo e construír unha frauta que é pura música”, sinala Herrera. Espí-Sanchís tamén aproveitará a súa presenza para trasladar un exemplo de cooperación musical tradicional africana.
Pola súa parte, o pedagogo Rafael Esteve Alemany, do Conservatorio Liceo de Barcelona e especialista en audición musical, enlazará música e literatura e partindo de compositores de referencia e das súas obras baseadas en mitos, contos ou lendas chegará a importantes obras da literatura universal. A directora do curso retomará unha das súas principais liñas de investigación, as posibilidades dos contos en aulas de música en educación infantil e primaria, e porá en marcha unha dinámica “que comeza no conto e extraerá unha imaxe del para chegar a un novo texto e desde el, á música”. Non quedarán fóra deste percorrido as coreografías e “todos os parámetros dun currículo musical: voz, ritmo, melodía e movemento expresivo”, apunta. Todo porque, segundo explica Herrera, está demostrado que “as aulas que xuntan catro soportes distintos (imaxe, música, palabra e movemento) acadan unha potencia de aprendizaxe significativa”.