DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante a celebración do segundo encontro destas agrupacións organizado pola Schola Cantorum

Os coros universitarios de Ourense e Minho encheron o Teatro Principal

As cancións pop e de bandas sonoras sorprenderon ao público

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 08/04/2013

“Foi un éxito de público, artístico, organizativo e de convivencia”. Así resume Xabier Álvarez, director do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, a celebración este domingo do II Encontro de Coros Universitarios. A súa formación e a da Universidade do Minho, de Portugal, encheron o Teatro Principal da cidade e sorprenderon ao público ofrecendo un repertorio e unha posta en escena que rachaban a tradicional imaxe que se ten deste tipo de actuacións. Entre temas de Caetano Veloso, Adele e Coldplay, xunto a algún tema clásico e tradicional galego, os dous coros conquistaron ao público ourensán.

A actuación comezou coa interpretación por parte do coro ourensán, baixo a dirección de Xabier Álvarez, dunha selección do seu repertorio, que abrangue desde temas de bandas sonoras e música pop ata pezas clásicas e de música tradicional. De seguido, o Coro Académico da Universidade do Minho, baixo a dirección de Rui Paulo Teixeira e composto por alumnado universitario, tomoulle o relevo cunha actuación na que destacaron temas moi coñecidos de autores portugueses e pezas de artistas pop. Para rematar, os dous conxuntos interpretaron xuntos varias cancións, concretamente O voso galo comadre, da tradición galega, e What a wonderful world, popularizada por Louis Armstrong.

O día 27 de abril o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum devolverá esta visita á formación lusa participando en Braga no encontro de coros que organiza anualmente e no que os ourensáns terá a oportunidade de actuar con outras tres formacións lusas. “A pesar das diferenzas interxeracionais, o encontro deste domingo foi moi bo e agardamos que a nosa visita a Braga sexa igualmente fantástica”, subliña Xabier Álvarez, que quere salientar especialmente o traballo feito por Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus, na organización do encontro celebrado este domingo no Teatro Principal.