DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Banca ética, prezo da arte e urxencias cardiovasculares súmanse a oferta do campus

Os Cursos de Extensión 2008 diversifican a súa temática e as súas sedes

O primeiro dos catorce cursos comezará a impartirse a vindeira semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/05/2008

O prezo da arte, a banca ética e a actuación fronte as urxencias cardiovasculares, son as principais novidades temáticas que este ano incorporan os Cursos de Verán que organiza a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e que se desenvolverán en diversos centros do campus de Vigo, así como en concellos máis o menos próximos como é o caso de Mondariz, Lobios, Caldas de Reis ou Tui.
En total son catorce os cursos que conforman a oferta vinculada ao campus vigués, tendo algúns deles continuidade no tempo aínda que con novidades que perseguen facelos máis atractivos a ollos dos participantes. É o caso dos cursos dedicados ao termalismo, ao sector inmobiliario ou aos espazos naturais que, como apunta a vicerreitora de Extensión Cultural, Mª del Carmen Cabeza “son propostas que repiten aínda que non son conservadoras, polo que introducen nesta edición variacións que esperan esperten o interese dos participantes”.
Así o curso dedicado ao termalismo que este ano se celebrará no centro termal do Carballiño e nos balnearios de Lobios, Cuntis e Mondariz, estará centrado nos peloides termais. Mentres, a aposta que a Universidade ven realizando nos últimos anos por cuestións medioambientais, traducirase este verán en cursos centrados na comunicación e a educación ambiental e na interpretación do patrimonio en espazos naturais protexidos.

Calidade e viabilidade das propostas

“Estamos ante unha oferta atractiva, moi enfocada ás necesidades do contexto real”, asegura a Mª del Carmen Cabeza que destaca a calidade e viabilidade das propostas realizadas un ano máis por parte da comunidade universitaria e en especial por parte do profesorado. Aínda que inicialmente foron máis as propostas presentadas para a realización dos cursos, finalmente a oferta quedo reducida a catorce, primándose na seleccións o reparto por ámbitos e a calidade e viabilidade das propostas.
A vicerreitora de Extensión Cultural destaca “o esforzo extra que para os docentes supón implicarse na organización dun curso destas características”, ao tempo que incide en que a Universidade quere buscar “ a implicación dos concellos “como é o caso este ano dos de Tui e de Caldas de Reis”.
Sen embargo a maior parte dos cursos impartiranse en aulas do campus vigués ou en centros da Universidade como a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla no caso do curso Viabilidade económica e xestión de explotación acuícola. Pola súa banda a aula docente do Hospital do Meixoeiro acollerá os cursos Enfrontarse a urxencias cardiovasculares e tamén Enfermería nos servizos de radiodiagnóstico e radioterapia.

Inicio a vindeira semana

Aínda que o groso dos cursos celebrarase nos meses de xuño, xullo e setembro, un deles comezará a vindeira semana, concretamente o 19 de maio, prolongándose ata o 5 de xuño. Baixo a dirección da profesora do departamento de Economía Financeira e Contabilidad, María José Cabaleiro, Cara unha banca máis ética, será o encargado de inaugurar a edición 2008 dos Cursos de Extensión. Cunha duración de 30 horas e contando coa participación de destacados expertos, o curso ten como obxectivo contribuír a difusión da actividade bancaria que prioriza o compromiso social respecto ao económico, así como ofrecer unha visión teórica e práctica do investimento e o aforro, socialmente responsables.
O prazo de matrícula para participar neste curso, para o que se estableceron un total de 40 prazas, estará aberto ata o vindeiro xoves 15 de maio.

A oferta de Cursos de Extensión pode consultarse no enlace: http://extension.uvigo.es/contidos/documentos/cursos_obradoiros_0708/cartel_cursos_extension_08.pdf