DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os cursos de verán trasládanse no mes de xullo ao Concello de Celanova

A muller na historia, o mundo audiovisual e o turismo intermedio centrarán os seminarios

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 23/06/2009

Celanova será a sede dos tres Cursos de Extensión Universitaria que se celebrarán no mes de xullo. Rescatar á muller das sombras da historiografía, poñer en relación o mundo audiovisual coa cultura e a industria e dar a coñecer modelos turísticos diferentes son os obxectivos dos tres seminarios, que se celebrarán do día 1 ao 3 de xullo, do 8 ao 10 e do 14 ao 16 no Mosteiro de Celanova.
Para facilitar a participación nos cursos, a Universidade de Vigo, ofrece transporte gratuíto para todos os matriculados dende o campus ata Celanova. Ademais, no caso do curso O audiovisual e as industrias culturais, o propio concello ofrece aloxamento gratuíto aos matriculados no Albergue Municipal. Os interesados deberán contactar co albergue e reservar as noites que desexen, dende a véspera de inicio do curso ata a noite anterior a que remate.

O papel da muller na historia

Muller e historia é o título do primeiro curso que se celebrará en Celanova os días 1, 2 e 3 de xullo, organizado pola Área de Historia Contemporánea. O curso pretende dar a coñecer entre os participantes a relación entre a muller e a historiografía e a súa importancia e visualización social en distintos eidos ao longo do tempo, destacando de xeito especial a súa presenza na Historia Contemporánea.
Coa axuda de conferenciantes chegados principalmente dende a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela, o seminario ofrecerá aos participantes un repaso ao papel da muller ao longo da historia, partindo da Antigüidade Clásica, pasando pola Idade Media e os tempos modernos, a segunda República, a represión franquista e chegando ata a transición democrática. Todas as sesións irán acompañadas dunha lectura e comentario de diferentes textos relacionados coa temática que se realizará a última hora da tarde.

O mundo do audiovisual

A Fundación Carlos Casares xunto coa Vicerreitoría de Planificación e Desenvolvemento do campus e coa colaboración do Consorcio Audiovisual de Galicia, a Deputación Provincial e o Concello de Celanova, ademais doutras institucións, ofrecen o curso O audiovisual e as industrias culturais que ten como obxectivo reflexionar e debater arredor da relación que se establece entre o mundo do audiovisual e a industria e a cultura, dous terreos cos que ten que convivir e que, ao mesmo tempo, demandan necesidades diferentes.
O curso, que se desenvolverá do 8 ao 10 de xullo, contará tanto coa participación de profesores e catedráticos das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, como con profesionais do sector audiovisual: actores, directores, debuxantes, etc. que falarán da evolución histórica do sector, os retos de futuro da prensa en Galicia, as estratexias editoriais ante as industrias culturais, o papel dos actores, a publicidade ou a TDT, entre outros moitos temas. Ademais dos relatorios, as dúas primeiras xornadas rematarán coa proxección da longametraxe documental Flores tristes de Teo Manuel Abad e do filme de ficción Os mortos van á présa de Ángel de la Cruz. Ambas películas galardoadas co premio Mestre Mateo 2009.

Un turismo diferente

O mes de xullo rematará co curso de Turismo intermedio. Elementos para a dinamización turística das Terras de Celanova que se celebrará os días 14, 15 e 16.
Dar a coñecer modelos turísticos diferentes aos convencionais como poden ser o literario, cinematográfico, enolóxico, relixioso ou gastronómico e explicar o caso práctico das Terras de Celanova son os principais obxectivos deste seminario. Ademais, tamén se atopan entre as súas finalidades explicar o funcionamento dun plan de dinamización turística, a viabilidade e análise económica dun hotel-monumento e amosar a capacidade dinamizadora e de desenvolvemento que supón o turismo en pequenas poboacións.
Para analizar todas estas temáticas, o curso contará coa participación de diferentes expertos e profesionais na materia, dende profesores da Universidade de Vigo, pasando por arqueólogos e escritores, ata directores de hoteis e xerentes de espazos naturais.

Matrícula

Todos aqueles que queiran matricularse deberán cubrir a ficha de inscrición, que se pode descargar da páxina web do Vicerreitoría, e entregala xunto co xustificante de pagamento das taxas e unha copia do DNI no Rexistro do campus. Deberán achegar ademais, de ser o caso, copia dos xustificantes que acrediten a condición de membro da Universidade de Vigo, bolseiro do Ministerio de Educación ou residente en Celanova, para poder beneficiarse dos descontos pertinentes.