DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 80 inscritos na xornada ‘Avances en Inmunoterapia’ organizada ao abeiro da Rede Immunonet

Os custes, gran barreira a saltar na revolución das terapias biolóxicas

Estanse probando centos de anticorpos coa esperanza de cambiar o panorama de patoloxías como alerxia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 28/09/2011

Apareceron no ano 1890 co nome de antitoxinas e, dende entonces, a ciencia non deixou de avanzar ata chegar a uns anticorpos de segunda xeración moito máis eficaces e con menos efectos secundarios. As terapias biolóxicas crecen a pasos axigantados polos “bos resultados acadados”, o desenvolvemento de novos anticorpos, un mellor coñecemento do sistema inmune e das moléculas implicadas e por un maior número de empresas involucradas, “porque cando hai anos ía a Estados Unidos a presentar os meus informes podías contar cos dedos das mans as entidades interesadas”, explicou África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) durante a apertura da xornada Avances en Inmunoterapia, organizada en colaboración coa Fundación de Investigación Biomédica do Chuvi ao abeiro da Rede Immunonet e na que participan máis de 80 profesionais de Medicina, Bioloxía, Química, Farmacia e Enfermaría.

Unhas xornadas para “mostrar a actualidade dunha práctica que nos últimos anos está a experimentar un desenvolvemento exponencial no tratamento de moitas patoloxías, en moitos casos con gran éxito” pero que ten dúas eivas importantes a superar: a necesidade de establecer controis terapéuticos dos pacientes e combater os elevados custes, xa que “os anticorpos biolóxicos son máis difíciles de producir que un fármaco tradicional, precisa dunhas condicións específicas polo que moi poucas empresas poden fabricalos e dificultan a realización de estudos multicéntricos”. Algo no que coincidiu o xerente do Chuvi, Francisco Soriano, para quen é fundamental xerar un debate e facer “un balance crítico sobre os beneficios que este tipo de terapia aporta aos enfermos, os custes que supón e os recursos dos que dispoñemos”.

Un futuro alentador

Na actualidade existen centos de anticorpos en distintas etapas de ensaio clínico e outros 31 xa aprobados para patoloxías que van dende varias modalidades de cancro a alerxias, modalidades de dexeneración muscular ou problemas hematolóxicos. O ano pasado probouse a primeira vacina para o cancro de próstata, unha terapia individualizada nas que se empregan células do propio paciente para que destrúa el mesmo o tumor. Ábrense así “miles de novas posibilidades terapéuticas dentro da inmunoterapia, máis selectivas e específicas”, subliñou González.

A tecnoloxía ten moito que ver na mellora deses anticorpos, chegando, por exemplo, a modificar a través da glicoenxeñería a estrutura dos seus azucres para aumentar a afinidade e a eficacia terapéutica; aumentando a súa vida media; producindo uns de baixo custe ou empregando a nanomedicina, “que abre grandes expectativas tanto na diagnose como nos sistemas empregados ou nas terapias, mesturando a especificidade dos anticorpos para atopar a diana coa versatilidade das nanopartículas como transporte”.

Próximo evento, en outubro

Xunto con África González, responsable de CINBIO, outros catro poñentes deron unha visión actual sobre a inmunoterapia: Carmen Loureiro, especialista do Chuvi; Guadalupe Piñeiro, jefe do Servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario de Pontevedra; Dora Pascual, inmunóloga do Hospital Universitario de La Paz; e José M. Pego, reumatólogo do Chuvi. Pero a Rede Immunonet, a primeira rede en inmunoterapia creada no sudeste de Europa, xa está a preparar os vindeiros actos: as próximas citas son unha ‘webinar’ no mes de outubro e unha reunión en Montpellier o 7 de novembro.

Coordinado pola Universidade de Vigo e pendente da renovación do financiamento polo programa SUDOE, o proxecto reúne a científicos de renome nun equipo estable de investigación punteira en inmunoterapia. Posto en marcha en 2009 con 13 grupos, nestes dous anos duplicou o número de participantes, chegando a 26 equipos de España, Francia e Portugal que se dedican á investigación básica e aplicada, ao desenvolvemento de ensaios clínicos e á transferencia de tecnoloxía á empresa.